MARÍA JOSÉ BAZ OFRECEU UN CONCERTO INTIMISTA
• Ademáis da cantautora guardesa tamén participaron o Grupo Antorcha e o Coro Cantábile
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Presentado pola poeta e pintora, Chuny Vázquez Vicente, que empregou nas súas intervencións unha delicada prosa poética; a igrexa parroquial de Santa María de A Guarda acolleu na noitiña do pasado sábado día 19 de novembro, un concerto intimista da cantautora María José Baz Martínez, no que tamén participaron o Grupo de Corda Antorcha e o Coro Cantábile.
Logo dunha sembranza - efectuada por Chuny Vázquez - da traxectoria do Grupo Antorcha, cuxas orixes comezaron en 1981 como Rondalla do Recreo Artístico Guardés, para posteriormente pasar a denominarse Grupo de Corda Antorcha, e ser dirixido ata actualidade, por María José Baz, daría comezo o concerto interpretando o Grupo Antorcha: "Casiñas brancas", versión de Lareira da "Habanera de Ribadeo"; "Quen poidera", de María José Baz, e "Sueña" de Walt Disney.
Trala actuación do Grupo Antorcha, a presentadora efectuou unha síntese da traxectoria do Coro Cantábile, cuxas orixes remóntanse ao ano 1986, da man do compositor e director José Luis Lorenzo Rodríguez, daquela como Coro da Catequese, para posteriormente pasar a denominarse Coro Arpegios e desde fai uns anos chámase Coro Cantábile, dirixido ao longo de 21 anos polo seu fundador, e posteriormente por Lucía Alonso, ata 2016, en que asume a dirección Avelino Ferreira López.
Previamente a actuación do Coro Cantábile, un dos seus compoñentes, Jorge Fernández Baz, en nome dos seus compañeiros/as, dirixiu unhas sentidas verbas de gratitude e de agarimo deica José Luis Lorenzo Rodríguez, recentemento falecido, quen ao longo da maior parte da súa existencia vital adicouse ao cultivo e fomento da música, e de xeito moi especial ao canto coral, materializado primeiro na Agrupación Coral Polifónica de A Guarda; no Coro Arpegios e posteriormente no Coro Cantábile, así como a difusión da música de acordeón, fundando e dirixindo o Grupo de Acordeóns Mascarenhas.
O respectable público sumouse cos seus aplausos a esa expresión de merecida lembranza ao prezado amigo e veciño, José Luís Lorenzo Rodríguez, a cuxa memoria os compoñentes do Coro Cantábile lle adicaron a actuación.
Dirixido por Avelino Ferreira, o Coro Cantábile interpretou: "Imagine", de John Lennon; "Baila nena" (Popular); "Compañeira", de Julio Domínguez; "Te quiero" (Letra: Mario Benedetti -Música: Alberto Favero / Liliana Cangano); e "Bella Ciao" (Canción popular italiana).
A continuación daría comezo a actuación de María José Baz que interpretou: "Galicia", de Juan Pardo; "Frente a frente", de Jeanette; "Crepúsculo mental" (Letra: Estrella Velasco - Música: María José Baz); "No te rindas" (Letra: Mario Benedetti - Música: María José Baz); "Marinero", de Mocedades. Neste tema María José Baz contou coas voces das compoñentes do Grupo Antorcha; "Mis secretos" (Letra: Estrella Velasco - Música; María José Baz), acompañada á flauta traveseira por Alejandra"; "Olvidó" (Letra: Estrella Velasco - Música: María José Baz) - canción que adicou a súa nai - e que tamén contou co acompañamento de Alejandra; "Yo soy Galicia" de Nando Agüeros. Neste tema Mª José Baz contou co acompañamento vogal de Carmen María Lomba (Cami).
Trala actuación de María José Baz, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, que ao igual que a concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, asistiu ao concerto, dirixiu unhas verbas, agradecendo a María José Baz a organización dese evento, así como a colaboración de todas as persoas que participaron no concerto. A continuación fíxolle entrega dun ramo de flores a María José.
Asemade, a cantautora guardesa tamén recibiu un agasallo dos compoñentes do Grupo Antorcha.
A continuación, o Grupo Antorcha, o Coro Cantábile e María José Baz interpretaron en conxunto "Canto á Guarda" (Letra: Chuny Vázquez - Música: José Luís Lorenzo), que foi o broche de ouro a un magnífico concerto, ao termo do cal, a presentadora agradeceulle á colaboración do novo párroco de Santa María de A Guarda, Juan José González Estévez, dándolle á benvida a vila guardesa e para o cal pediu un forte aplauso que foi correspondido por todas as persoas presentes no templo, no cal tamén se atopaba o párroco precedente, Jesús García Villadóniga - acompañado de súa irmá Chelo - sendo saudado personalmente polo párroco actual.
Ningún comentario:
Publicar un comentario