22 de nov. de 2022

A GUARDA

Xacobeo Transfer cualificado como "un servizo 5 estrelas para peregrinos, turistas e veciños"

 En apenas 6 meses, máis de 7.000 peregrinos, turistas e veciños cruzaron o río Miño entre Caminha e A Guarda, con Xacobeo Transfer


Xacobeo Transfer botará un segundo barco eléctrico con 2 cubertas, para que non se mollen os 12 pasaxeiros que poderá levar

Fotos: AGAN+
Montaxe de baterías do segundo barco eléctrico de Xacobeo Transfer no estaleiro de Segovia


Infogauda / A Guarda

 Desde abril de 2022, en apenas 6 meses, máis de 7.000 peregrinos, turistas e veciños cruzaron o río Miño, entre Caminha e A Pasaxe (Camposancos) A Guarda, e viceversa, con Xacobeo Transfer e en Google Bussines máis de 200 usuarios deixaron a súa recensión sobre o servizo, cunha valoración global de 5 estrelas, sendo o barco mellor valorado para facer a travesía do Camiño Portugués da Costa desde Caminha ata A Guarda e viceversa. 

 Esta iniciativa xurdiu da Axencia de Turismo de Galicia e da Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) para dar estabilidade e horarios fixos aos peregrinos, co fin de mellorar e promover o desenvolvemento do Camiño Portugués da Costa, aumentando así o impacto económico e de emprego ao seu paso polos municipios da Guarda, O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán e Vigo. A xestión do servizo púxose en marcha, co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración do Sporting Clube Caminhense, do Concello de A Guarda a través da súa Oficina de Turismo e de empresas do sector turístico da contorna, para prestar un servizo de calidade, seguro, discrecional e profesional que opera de porto a porto, é dicir, os peregrinos desembarcan con toda facilidade sen mollar os pés na auga e sen a sensación de ser “viaxeiros clandestinos”. O barco actual é de uso turístico e dispón de asentos con 6 cómodas prazas. As reservas en liña son flexibles e os usuarios deste servizo poden cambialas en función da hora de chegada ao momento de embarque e tamén operan a demanda. 


Porto da Pasaxe onde desembarcan con seguridade os usuarios Xacobeo Transfer   

  O 78% dos usuarios embarcaron desde Caminha e o 22% desde A Guarda. Curiosamente, case se repiten os mesmos porcentaxes por tipos de usuarios, sendo uns 80% usuarios a pé e un 20% en bicicleta. En canto á procedencia, é de máis de 40 países, estando no top 5, por esta orde, España, Portugal, Estados Unidos, Alemaña e Italia. 

Operativo todo o ano 

 Xacobeo Transfer estará operativo todo o ano, mentres os pescadores portugueses na época de outono-inverno volven á pesca, primeiro da angula e despois da lamprea. Ademais, proximamente, neste mes de novembro, botará un segundo barco eléctrico con 2 cubertas, para que non se mollen os 12 pasaxeiros que poderá levar. A nova nave está a finalizarse no estaleiro Moggaro Aluminium Yachts,  situado no Polígono Industrial Nicomedes García, de Segovia. Unha empresa pioneira no seu xénero, que constrúe barcos de aluminio de ata 12 metros de eslora desde o centro de España para todo o mundo. O estaleiro foi fundado polos irmáns José e Santiago Parga, dous galegos de Ribadeo que residen en Madrid. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario