11 de nov. de 2022

A GUARDA

A ASEMBLEA LOCAL DO BNG DA GUARDA ELIXIU POR UNANIMIDADE A ANXO LOIS BAZ  VICENTE, CANDIDATO A ALCALDE  

 Anxo Lois Baz: “Temos un proxecto para colocar esta vila na vangarda, saíndo da rutina  e coa valentía suficiente para modernizar e transformar A Guarda”  


Vista da asemblea do BNG da Guarda

Infogauda / A Guarda

 O BNG da Guarda vén de elexir por unanimidade,  a Anxo Lois Baz Vicente como candidato a Alcaldía.  

 A responsábel local do BNG, Beatriz Lomba Rodríguez na súa presentación destacou de Anxo Lois Baz que coñece ben os problemas da sociedade guardesa e nestes últimos anos adquiriu a  experiencia necesaria  para colocar este concello no lugar que lle corresponde. A Guarda  leva demasiado tempo parada, desaproveitando oportunidades cando temos un concello que é un diamante en bruto: temos un enorme patrimonio tanto cultural como natural e xente talentosa con grande capacidade de iniciativa”. 

 As distintas intervencións que se sucederon na asemblea coincidiron en cualificar a Anxo Lois como unha persoa  “dialogante, próxima, amable e humilde, e con  capacidade   para darlle A Guarda  un novo rumbo cun proxecto de goberno para aproveitar todo o seu potencial”.  

 Pola súa banda Anxo Lois Baz fixo fincapé “na urxencia de sacar A Guarda adiante porque pese a todas as súas fortalezas o municipio está “estancando”, unha situación na que leva moito tempo. Temos un proxecto para colocar esta vila na vangarda saíndo da rutina  e coa valentía suficiente para modernizar e transformar A Guarda e para mellorar a calidade de vida da veciñanza”, afondou.  

 “Nun momento como o actual, de grandes cambios e  transformacións a nivel global, hai que sacar A Guarda dese bucle de apatía e poñer en marcha un novo proxecto, para poñela a funcionar, na vangarda, con confianza nas potencialidades que temos aquí. E podemos facelo. Así o facemos en todos os concellos que gobernamos, que avanzan da man do Bloque”, explicou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario