“A saia raíña” visibiliza o loito e a súa histórica relación coa muller en Galicia
• Esta exposición de testemuñas a través da fotografía e o audiovisual, estará na Casa dos Alonso, en horario de mañá, ata o vindeiro 5 de decembro.
• A mostra está recomendada para público de todas as idades.
Fotos. C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A Casa dos Alonso acolle ata o vindeiro 5 de decembro, en horario de mañá, a exposición “A saia raíña”. Unha mostra de testemuñas nos formatos de fotografía e audiovisual, froito do traballo de campo de Rita Mas Ybáñez en diferentes aldeas e cidades galegas.
A inauguración, celebrada onte xoves día 10 de novembro, contou coa asistencia de preto de medio cento de persoas, intervindo a concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez Marcos; o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e a autora desta exposición, Rita Mas Ybáñez.
Para Fátima Rodríguez, “esta exposición pon de manifesto que cada persoa vive en Galicia o loito dunha maneira distinta, en función do seu ámbito familiar, as tradicións dos lugares onde residen ou o seu entorno máis próximo, unha visión global dun feito que a todos nos toca vivir nalgún momento das nosas vidas e que queda reflexado dunha maneira moi visual co excelente traballo feito por Rita Mas Ybáñez”.
O alcalde valorou esta exposición dun xeito moi positivo, ademais coincidindo no mes de novembro, tendo pasado fai pouco o día de todos os santos, unha mostra que fai un traballo antropomórfico exacto e real do loito en Galicia.
Para a realización desta exposición, foron entrevistadas máis de 60 persoas informantes, principalmente mulleres, aínda enloitadas e tamén homes que falan do costume de gardar o loito, tanto temporal coma permanente. As viaxes coas cámaras, a gravadora e mailo caderno de campo percorreron as provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, tanto no rural como no ámbito urbano.
No documental as mulleres falan das súas vivencias, da necesidade ou imposición de gardar o loito, das diferencias do costume entre homes e mulleres, e finalmente da súa evolución que tende a desaparecer no século XXI.
Rita Mas Ybáñez
Rita Mas Ybáñez é poetisa e escritora. Entre outros gañou o premio de poesía Jaime Gil de Biedma (Segovia) e premios de poesía e vídeo creación das Mariñas (Carballo). Adicada a comunicación en medios, e a etnografía, logo da súa formación audiovisual, é estudante de Antropoloxía Social e Cultural na Universidade Nacional a Distancia (UNED) e realiza o traballo de campo e investigación etnográfica sobre o loito.
Ten impartido conferencias e charlas na universidade, concellos de Vigo e A Coruña, e bibliotecas provinciais dentro e fora de Galiza. Actualmente está traballando na próxima publicación, en formato libro, da monografía referida ao loito e o traballo de campo etnográfico resultado da exposición A saia raíña, mulleres galegas enloitadas no século XXI. Esta actividade está promovida pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de A Guarda, e está subvencionada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Dende o Concello de A Guarda faise un convite xeral a toda a cidadanía guardesa para que visite esta magnífica exposición na Casa dos Alonso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario