As concelleiras socialistas de Tomiño rexistraron unha moción no Concello esixindo á Xunta de Galicia que vacine do COVID ós maiores nos Centros de Saúde
Infogauda / Tomiño
"A administración das vacinas dentro das campañas establecidas polas autoridades sanitarias, é un servizo obrigado da conselleria de Sanidade e o lugar mais axeitado para facilitalo é o Centro de Saúde da localidade a través dos equipos de Atención Primaria. Por cercanía e polo contacto permanente para seguimento de patoloxías crónicas", afirma Violeta de Santiago, voceira do grupo municipal socialista no concello de Tomiño.
As concelleiras socialistas critican que "a Xunta de Galicia está a provocar con esta medida de vacinar aos nosos maiores de Tomiño no hospital Álvaro Cunqueiro, un trastorno innecesario. Ademais de implantar, na práctica, un copago para poder recibir a vacina, pois están obrigados a pagar o custe do longo desprazamento e aparcadoiro do hospital, co que a gratuidade da prestación deixa de ser tal. E por si fora pouco, están a rexistrarse longas colas de usuarios e usuarias tanto nos aparcadoiros como no propio hospital, que están a supoñer unha dificultade engadida ás pacientes así como a familiares e/ou acompañantes."
Violeta de Santiago cualifica esta medida "como un novo castigo da Xunta de Galicia á cidadanía, porque afasta dos veciños e veciñas de Tomiño dun servizo básico, dificultándolles gravemente o acceso a unha prestación á que teñen dereito de maneira gratuita", e recalca que "non se pode xogar coa saúde dos nosos veciños e veciñas dende a improvisación e a frivolidade".
Por todo isto o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño vén de solicitar ó Pleno do Concello, "instar á Xunta de Galicia a que modifique o modelo e todas as persoas maiores sexan vacinadas no seu Centro de Saúde ou PAC de referencia."
Ningún comentario:
Publicar un comentario