CONVIVE.COMigo volve a Tomiño na procura de persoas ou familias dispostas a axudar a adolescentes que teñan que cumprir unha medida de convivencia
“CONVIVE.COMigo” é un programa promovido por ARELA e a Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Conseguir
persoas ou familias que queiran convivir cunha persoa adolescente que teña a
obriga de cumprir unha medida xudicial (Convivencia con outra persoa, familia
ou grupo educativo). Esé é obxectivo de CONVIVE.COMigo, un programa promovido
pola asociación ARELA e a Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, que
chegou a Tomiño na procura de apoios de cara a colaborar na difusión do mesmo e
así continuar nutrindo o banco de persoas ou familias do programa con núcleos
de convivencia que abarquen diferentes puntos do territorio.
Na
reunión mantida hai uns días, acordouse a colaboración do Concello de Tomiño na
difusión e achegamento do programa á cidadanía, coa finalidade de que poidan
xurdir novas persoas ou familias interesadas no municipio. Anteriores campañas
de difusión do CONVIVE.COMigo teñen espertado un grande interese entre a poboación,
polo que a alcaldesa, Sandra González, agarda que a presente campaña obteña de
novo resultados positivos: “a veciñanza tomiñesa sobresae polo seu compromiso e
pola súa solidariedade e estou convencida de que moitas familias quererán
sumarse de novo á iniciativa de Arela e da Xunta e cooperar na presente edición
de CONVIVE.COMigo”.
O
programa busca familias ou persoas cunha alta sensibilidade cara á adolescencia
que queiran facer unha aposta temporal por unha persoa adolescente con
dificultades que, a través dun ambiente socializador e positivo terán a
posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e
evitarán, así, reincidir nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez
regresen a vivir coa súas familias de orixe.
Os
requisitos para formar parte do programa CONVIVE.COMigo son os seguintes: ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda
adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir
un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de
parentalidade... Á súa vez, valorarase positivamente a formación relacionada
con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar
e a predisposición á aprendizaxe en diferentes eidos como a adolescencia ou a
formación de carácter xurídico.
ARELA
ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento, con acompañamento de
profesionais e un financiamento de 40€ diarios durante os meses que a persoa adolescente
permaneza coa familia ou persoa.
Pódese
consultar máis información sobre este programa na páxina
web de ARELA, así
como no teléfono 986 21 25 37 ou a través do enderezo electrónico
convive@arela.org.
ARELA é
unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e
adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando
diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e
Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de
Política Social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario