A subdelegada do Goberno presentou hoxe en rolda de prensa o impacto do proxecto de Lei de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2023 en Pontevedra
Maica Larriba subliña que a inversión do Estado na provincia crece un 23 % nos orzamentos de 2023
· A inversión en Pontevedra acada os 288 millóns de euros
· A subdelegada do Goberno destaca que estás son as contas “máis sociais da historia” e pon en valor as axudas e medidas de aforro fiscal que as acompañan
Infogauda / Pontevedra
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou hoxe o impacto dos Orzamentos Xerais do Estado na provincia de Pontevedra, dos que destacou que son “os máis sociais da historia”, pensados para “fortalecer o escudo social e apoiar as familias e fogares máis vulnerables nunha economía de guerra que provoca desaxustes e encarecementos na cesta da compra”.
A subdelegada detallou que Pontevedra ten unha inversión directa asignada nos Orzamentos de 288 millóns de euros, o que supón un incremento do 22 % con respecto ao exercicio anterior.
Non obstante, Maica Larriba insistiu que “alén destas cifras e inversións en infraestruturas, cabe destacar o gasto vinculado ás persoas”. Neste sentido, a subdelegada destacou que os e as 221.000 pensionistas da provincia que perciben unha nómina mensual de 212 millóns de euros, a partir do ano próximo verán incrementadas as súas prestacións nun 8,5 %. “É dicir, repartiranse en torno a 1,7 millóns de euros mensuais a maiores entre as nosas e os nosos pensionistas”, explicou.
A subdelegada detallou tamén que o Ingreso Mínimo Vital verá a súa contía incrementada nun 8,5 %, o que beneficiará ás máis de 18.000 persoas que o perciben na provincia, e que o incremento do 3,5 % do salario dos funcionarios orzamentado para o ano próximo, que se suma ao 1,5 % de axuste do 2022, terá un claro impacto nos case 46.000 empregados e empregadas públicos de Pontevedra.
Amais, Maica Larriba lembrou que o investimento social dos Presupostos tamén redundará no bono social enerxético do que se benefician miles de familias da provincia, nas bonificacións ao transporte por carreteira e na gratuidade do tren, no bono de alugueiro para a mocidade ou nas becas que perciben en torno a 20.000 estudantes na provincia. “Son feitos e non palabras baleiras, que poñemos enriba da mesa para dar unha resposta equilibrada e xusta a todas e todos os pontevedreses”.
Así mesmo, a subdelegada puxo en valor as medidas de aforro fiscal promovidas polo Goberno e que acompañan a estes orzamentos, tales como a redución de 400 euros na cotización ao IRPF para as persoas traballadoras cun salario inferior aos 21.000 euros, o incremento do limiar mínimo de tributación, que queda fixado nos 15.000 euros, a redución de cotas para autónomos e a baixada do tipo nominal do imposto de sociedades.
Maica Larriba tamén incidiu no compromiso do Goberno en materia de infraestruturas. Neste sentido, a subdelegada informou de que o Executivo destina neste anteproxecto de lei 76,8 millóns de euros ao sector ferroviario da provincia; 39,2 millóns de euros ao sector marítimo —dos cales 9 millóns corresponden ao porto de Marín, 2,59 millóns ao de Vilagarcía e 27,5 millóns ao de Vigo—; 46,4 millóns de euros ás carreteiras, sen incluír os 31 millóns de euros que supoñen as distintas bonificacións na AP-9; e 1,8 millóns de euros ás infraestruturas aeroportuarias. “En definitiva, este Goberno continúa avanzando na modernización das infraestruturas da provincia, dando pulo a aqueles proxectos chave que en lexislaturas anteriores deixaranse abandonados”.
A inversión directa executada acada o 86 %
A subdelegada do Goberno fixo referencia ao grao de execución dos anteriores orzamentos, destacando que o nivel de execución da inversión directa do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana acadou o 84 %. “En termos absolutos, no 2021, executáronse preto dos 658 millóns de euros, a maior cifra de execución deste Ministerio nos últimos sete anos”, e engadiu que, “Galicia é unha das Comunidades Autónomas cun índice de execución orzamentaria máis alto”.
Neste sentido, Maica Larriba quixo aclarar que o informe de intervención do Estado con respecto aos presupostos de 2022 correspóndese ao primeiro semestre. “Con todo, nos primeiros seis meses do ano xa se executaran mais de 144 millóns de euros, o que supón un 37,1 % máis que no primeiro semestre do ano anterior”, explicou.
38,5 millóns de euros para o Hospital de Montecelo
O Fondo de Compensación Interterritorial recolle no anteproxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado de 2023 “unha transferencia de 38,5 millóns de euros á Xunta de Galicia para a execución da obra do Hospital de Montecelo”. Así o confirmou a subdelegada do Goberno, que insistiu en que “moitas das transferencias que o Goberno fai ás autonomías levan nome e apelidos, como é este caso” e lembrou que “este proxecto debería estar rematado no 2013, tal como o establecía o proxecto presentado en 2009 por parte do Executivo galego de Pérez Touriño. Non obstante, os vaivéns do Partido Popular retrasaron unhas obras vitais para a poboación de Pontevedra e o Salnés, e nas que o Goberno contribúe economicamente”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario