11 de out. de 2022

GALIZA

A ORGACCMM chama a mobilizarse o vindeiro sábado, día 15, en defensa do monte veciñal 

A manifestación, que terá lugar en Compostela, sairá ás 12:00 horas da estación do tren


Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, na rolda de prensa de hoxe


Infogauda / Galiza 

 A Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación baixo o lema “Por unha Lei de montes veciñais ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega”, que terá lugar o vindeiro sábado día 15 de outubro en Compostela. Unha mobilización para a que sairán autobuses gratuítos de distintos puntos do país para que todas e todos os comuneiros poidan sumar as súas voces e evitar "que nos rouben os montes veciñais mediante a privatización”. 

 Segundo explicou o seu presidente Xosé Alfredo Pereira, o obxectivo desta mobilización é frear a pretensión da consellaría de Medio Rural e, polo tanto, da Xunta de Galiza, de privatizar os montes veciñais. 

 Neste sentido denunciou que “de forma escura e antidemocrática”, a consellaría está elaborando un Libro Branco sobre o Monte Veciñal, de onde vai saír unha modificación da actual Lei. Un Libro Branco que “máis ben é negro” do que denunciou que para a súa elaboración non se tivo en conta a opinión das comunidades de montes, nin foron convocados. 

 Porén si souberon cales van ser as modificacións que se propoñen, porque estivo a consulta pública hai uns meses, non o articulado da lei, senón as liñas estratéxicas da mesma, que van en tres sentidos: 

 Por unha banda dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica, o que implica eliminar o seu carácter xermánico da propiedade veciñal e convertelas de golpe nunha propiedade de tipo privado e que se poidan vender, mercar ou repartir. 

 Por outra, definir de novo o concepto de veciño ou veciña comuneira que, tal e como explicou, hoxe “só se adquire se se vive no lugar, na aldea ou na parroquia onde existe monte veciñal”. Fronte a isto, denunciou, “o que pretende a consellaría é incluír como persoas con dereito á opción de ser comuneiro/a, a aquelas persoas físicas e xurídicas que sen vivir na aldea, no lugar ou na parroquia teñan unha relación co monte veciñal”. Isto implica, de se aprobar, que “poderán ser membros de pleno dereito todos os e as accionistas das empresas que teñen aproveitamentos no monte, chámese Fenosa, mineiras, eólicas,…”, denunciou. 

 E a terceira modificación é que todos aqueles alugueiros, servidumes, contratos que pasen a ter un mínimo de 50 anos, sen ningunha capacidade das comunidades de montes para poder recuperar a xestión das súas terras. “Isto implica perder a memoria histórica de que naquel lugar existiu algún día monte veciñal en man común”, advertiu. 




Iniciativa Lexislativa Popular 

 Pereira explicou que a ORGACCMM, hai xa un par de anos e diante das agresivas modificacións que foi introducindo a través das leis de acompañamento, “un mecanismo que, se ben é certo que é legal, entendemos que non é democrático, co obxectivo de sacarlle a xestión á veciñanza comuneira, puxo en marcha unha campaña con asembleas polas comunidades de montes de todo o territorio galego para elaborar un proxecto de montes veciñais, de forma democrática e participativa”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario