13 de out. de 2022

A GUARDA

Continúa a axenda de outubro 

Con accións medioambientais, obras de teatro, actuacións musicais, eventos deportivos, obradoiros, exposicións,...



Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda continúa coas actividades programadas para este mes de outubro, con accións medioambientais, obras de teatro, actuacións musicais, eventos deportivos, obradoiros, exposicións,...


Limpeza Simultánea de praias




 O sábado día 15 de outubro ás 11:00h  na praia do Codesal, terá lugar a Limpeza Simultánea de praias organizada por ADEGA, que desta volta acada a súa XI edición. Esta xornada de voluntariado ambiental, a cal adheriuse o concello de A Guarda, ten o propósito de concienciar a sociedade na loita contra a contaminación mariña. 

 As persoas que desexen participar poden realizar a súa inscrición chamando ao Concello de A Guarda, teléfono 986 610 000.   

 Tamén na xornada deste sábado día 15 de outubro o Centro Cultural acollerá ás 20:30h a representación teatral “Smoke on the water”, de Ibuprofeno Teatro.  

 Para o sábado 22 de outubro, ás 20:00h ,o Centro Cultural de A Guarda acollerá o concerto “Reserva 15 anos” de Coiro Vello. 

 O domingo día 23 de outubro é a quenda do deporte coa novena edición da xa tradicional 15K do Atlántico Banco Mediolanum. Unha das probas de referencia no calendario do atletismo galego. 


Obradoiro para a creación de filtros de realidade aumentada




 O martes 25 de outubro, ás 19:30 horas, nunha aula do concello de A Guarda, terá lugar o obradoiro para a creación de filtros de realidade aumentada, Social Pilgrims II. Unha actividade orientada a un público xeral a partir dos 12 anos e que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.  

 Para esta actividade, que é de balde, pódese inscribir calquera persoa interesada no enderezo electrónico da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), de A Guarda informacion@aguarda.es  

 O sábado día 29 de outubro, ás 18:00h, no Centro Cultural, terá lugar a primeira representación teatral para público familiar da man da compañía Pedras de Cartón coa obra “O Quixote”. Non é precisa inscrición previa.  


“Galiza profunda



 Ata o 21 de outubro continúa nos baixos do Concello a exposición “Galiza profunda. Interpretacións do rural galego mediante ilustración e fotografía contemporáneas”. 

 A mostra quere facernos reflexionar sobre a dicotomía entre a fermosura do rural xunto coa potencia e riqueza do mesmo e as causas para o seu difícil desenvolvemento. Como, a pesares de termos todo a prol nosa, o contexto social e político logrou que non avanzaramos nestes séculos todo o que mereciamos.   


“Historias de mulleres guardesas”




 O Concello de A Guarda, a través da concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, programa para outubro e novembro a iniciativa “Historias de mulleres guardesas”. Unha alternativa de ocio cultural e saudable, na que o eixo principal son as historias de mulleres da vila que destacaron nas súas diferentes épocas por diversas razóns.    

 Nos roteiros, que terán lugar os días 14 e 28 de outubro, en horario de 20:00h a 21:00h e que sairán dende a Praza do Reló, falarase dunha serie de mulleres, todas veciñas de A Guarda, que dun xeito ou doutro forman parte do imaxinario colectivo e da historia da vila, cunha breve achega biográfica para lembrar como foi, ou como é, a vida destas mulleres e poñerlle cara amosando fotografías para que todos/as os/as participantes as recoñezan. 

 O broche destes roteiros poraos o cantautor e poeta Tino Baz, cunha intervención musical. As inscricións están xa abertas na recepción do Concello, chamando ao 986 610 000 ou no enderezo electrónico conserje@aguarda.es

 As actividades son gratuítas e as prazas limitadas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario