22 de set. de 2022

VIGO

Carril chama ao conflito para acabar cos baixos salarios e exixe medidas de choque fronte os altos prezos 

A CIG mobilízase en Vigo para conmemorar as loitas do 72 e recoñecer o seu legado 


Centos de delegados e delegadas da CIG percorreron esta mañá as rúas de Vigo para conmemorar as loitas protagonizadas por milleiros de traballadores e traballadoras nesta comarca en setembro de 1972

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Centos de delegados e delegadas da CIG percorreron esta mañá as rúas de Vigo para conmemorar as loitas protagonizadas por milleiros de traballadores e traballadoras nesta comarca en setembro de 1972. Un ano no que as loitas da clase obreira galega foron exemplo de dignidade, mais que tamén deixaron o pouso do que naceu o sindicalismo nacionalista.  

 Así o lembrou ao remate da manifestación o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen salientou a importancia que as mobilizacións do 72 teñen “para entender o presente e para afrontar o futuro do movemento obreiro galego”. Por iso agradeceu a aquelas traballadoras e traballadores o seu compromiso “insobornábel” e o seu exemplo de “resistencia, coherencia e profundo convencemento na loita pola dignidade e pola liberdade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva en Galiza e non en Madrid”. 

 Apuntou ademais que aquelas loitas supuxeron o nacemento do sindicalismo nacionalista e fixeron realidade “o profundo convencemento na autorganización da clase traballadora e do pobo galego” e a convición da necesidade de crear sindicatos propios “como mellor defensa dos nosos intereses e dereitos, como clase traballadora e como nación galega”. 

50 aniversario 

 Esta mobilización formaba parte do programa de actividades e mobilizacións que ao longo deste ano 2022 desenvolveu a central sindical,  que se iniciaron en Ferrol no mes de marzo, e continuaron en Vigo con esta mobilización e coa próxima inauguración do Monumento en recoñecemento do setembro de 1972 en Vigo. Unha escultura, promovida e pagada pola CIG para doar á cidade de Vigo, feita polo canteiro Xavier Diéguez Domínguez –e da que no propio acto de clausura da mobilización se presentou unha réplica-, porque “a día de hoxe a cidade non conta con ningún monumento en recoñecemento desas loitas”. 

 Lembrou que estaba previsto inaugurala nesta mesma xornada, mais que non foi posíbel “pola lamentábel actuación do Concello de Vigo” pero anunciou que, finalmente, conseguiuse do concello un emprazamento axeitado, no Paseo dos Cedros, na subida ao Monte do Castro. 

 O secretario xeral da CIG reivindicou estas orixes das que vén a CIG “co orgullo de formar parte dunha historia colectiva, dunha tradición sindical de loita honrada e coherente que, ao longo destes anos, nos ten levado a ser o que somos: primeira forza en representación sindical, afiliación e iniciativa social en Galiza”. Cinco décadas nas que se construíu “unha central sindical de forte unidade e solidariedade de clase, labrada loita a loita, nos centros de traballo, nas fábricas e nas rúas, combinando a formulación de propostas coa mobilización na defensa dos nosos intereses na loita por unha Galiza ceive e sen explotación”. Unha demostración de que “somos quen de valérmonos por nós mesmos”. 

Combater a crise e as políticas 

 Non esqueceu a crítica situación na que estamos, “cunha brutal ofensiva do capital e do belicismo, da OTAN e da guerra como sistema de explotación e dominación aos pobos e as clases populares”. Unha grave situación económica e social na que considerou que se confirma “a insuficiencia das medidas do chamado Plan de Resposta Económica á Guerra e as graves consecuencias das nulas actuacións do Goberno galego”, ás que sumou a aprobación dun “duro paquete de reformas para satisfacer as inxustas e fortes exixencias da UE e poder acceder a uns envelenados fondos europeos que nos están a hipotecar para o futuro”, entre as que mencionou a reforma laboral, as novas reformas das pensións ou a privatización do INEM. 

 Denunciou que con este tipo de decisións do Goberno español, o que se fai é “aumentar a desigualdade social e a pobreza no conxunto da sociedade, aumentar a concentración da riqueza en menos mans e axudar a crear as condicións perfectas para que a dereita e o fascismo medren, como estamos a ver por Europa adiante”. 

 Carril considerou “lamentábel” o papel de UGT e CCOO por estar “máis preocupados polo diálogo e o pacto social cos Gobernos neoliberais e coa Patronal, que de sumarse con nós á confrontación contra o capital e de facer a forza necesaria na rúa e nos centros de traballo para mobilizar e crear conflito sostido no tempo para que a crise a pague o capital e non a clase traballadora”.

Mobilización e loita para conquistar dereitos 

 Por iso chamou a reaccionar o vindeiro día 6 de outubro para reclamar a aplicación das 10 Medidas Urxentes contra a crise e a pobreza, propostas pola CIG aos goberno, “exixindo políticas públicas e salarios dignos” e dar resposta ante a patronal na negociación colectiva “para acabar cos baixos salarios e coa pobreza salarial” ante os Gobernos galego e central, “para que nos próximos orzamentos se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos e un verdadeiro Plan de Choque urxente para frear os efectos devastadores dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise”. 

 Mais tamén ante a urxencia dun Plan Galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e defensa dos servizos públicos e ante a necesidade de poñer fin “a un Goberno do PP que nos arrastra a unha Galiza sen emprego e industria, con importantes sectores produtivos e comarcas agonizando e só preocupado de servir aos intereses do capital”. 

 Paulo Carril concluíu afirmando que “neste momento histórico necesitamos ir a máis na nosa capacidade de confrontar contra o roubo e saqueo á clase traballadora que estamos a vivir, como tamén necesitamos que a solidariedade e unidade da clase traballadora, siga demostrando que  pode con todo”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario