Tomiño recoñece os logros dos piragüistas Manuel Ochoa e Emilio Rodríguez
O Concello ofreceu este venres unha recepción na que gabou as súas traxectorias, así como o labor que está a realizar Rodríguez coa canteira
Foto. C.T.
Infogauda / Tomiño
O Concello organizou esta mañá unha recepción aos
piragüistas tomiñeses Manuel Ochoa e Emilio Rodríguez, dous deportistas que
están acadando importantes logros para este deporte a nivel nacional e
internacional e que levan o nome de Tomiño por todo o mundo. “Estamos moi
orgullosos e orgullosas da canteira que temos, do traballo que están a facer e
da implicación coa que viven este deporte”, salientou a alcaldesa, Sandra
González.
A rexedora gabou os últimos trunfos de Manuel
Ochoa, que fixo historia ao acadar a medalla de prata na Copa do Mundo de
Slálom Extremo, coroándose como un dos mellores deportistas do mundo nesta
categoría. Durante a recepción, González tamén o animou a seguir loitando polos
seus soños. Un recoñecemento na súa propia terra que para Ochoa é “moi
importante, porque ao final é de onde veño, onde comecei a adestrar e o que me
preparou para a miña carreira e para os logros que estou obtendo”. “Agora - engadiu - as
miñas miras están postas nos Xogos Olímpicos, un proxecto que sei que non é
doado pero polo que loitarei ata o final. Sempre fun subindo chanzo a chanzo e
continuarei facéndoo para que non se quede nun reto e que os meus soños se
convertan en realidade”.
Sandra González tivo tamén unha verbas de eloxio
para Emilio Rodríguez, “ao que lle dariamos o ouro non só polos seus logros
deportivos, senón pola súa entrega e dedicación ao Club Deportivo
Miño-Teixugos, polo seu cariño polos nenos e nenas, por crear unha canteira de
luxo, por compartir cos demais a súa paixón por este deporte e por facelo sempre
dun xeito desinteresado”. Como aseguraba Emilio Rodríguez, “para nós é unha
alegría que recoñezan o labor e o esforzo que facemos para chegar a todos os
nosos retos. E é impresionante o agarimo que recibimos de toda a xente, que ven
como tratas aos nenos e nenas e como van crecendo pouco a pouco como
deportistas e persoas dentro do club”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario