9 de set. de 2022

PONTEVEDRA

CÉSAR MOSQUERA (VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA): “DEVOLVER OS CADROS DO ESPOLIO NAZI SUPÓN UN DESAGRAVIO FRONTE Á BARBARIE”   

O avogado do Estado polaco asistiu hoxe ao Pleno no que se aprobou a desafectación e a reposición do díptico da Mater Dolorosa e o Ecce Homo que están no Museo


En primeiro termo, Miquel Bordas, avogado do Estado polaco, acompañado polo director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey na sala na que se expoñen as pezas
Fotos: Rafa Estévez


Infogauda / Pontevedra    

 O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe por unanimidade a restitución por parte do Museo de Pontevedra ao Estado Polaco do díptico formada por unha Mater Dolorosa e un Ecce Homo, logo de demostrarse que a orixe das obras estaba relacionada co espolio nazi na II Guerra Mundial. O acto de desafectación e aprobación da devolución, segundo dixo o vicepresidente César Mosquera, supón “un desagravio fronte á barbarie”.  


Miquel Bordas, en presenza do director do Museo de Pontevedra, foi saudado persoalmente pola presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e boa parte da Corporación



 Co fin de certificar en persoa a aprobación da restitución, o Pleno contou coa asistencia do avogado do Estado polaco Miquel Bordas, quen foi saudado persoalmente pola presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e boa parte da Corporación. Despois da sesión plenaria, Bordas foi acompañado polo director do Museo Xosé Manuel Rey e a responsable de xestión Sonia Mateos á sala na que se expoñen as pezas, confirmando que se trasladarán en vindeiras datas a territorio polaco.   

 O vicepresidente César Mosquera realizou na súa intervención no Pleno una defensa sentida da necesidade de restituír dignidades fronte a momentos de horror e abusos. Segundo lembrou o nacionalista, a Deputación “por desgracia” ten tamén unha historia relacionada coas aldraxes.   

 O nacionalista destacou que no salón de plenos provincial “a barbarie do golpe do Estado do 36 fixo o ‘paripé’ de xulgar a Bóveda e outros para matalos uns días despois”, e  o edificio do lado, que nacera como escola de mestría, foi cárcere: “A barbarie pasou por riba e usou a institución para executar os seus actos execrables”. Pola contra, subliñou que “aquí tamén neste Pleno, fíxose un acto de desagravio concedendo a medalla de ouro a Alexandre Bóveda. Non se lle puido recuperar a vida, pero sí que se fixo o desagravio”, dixo.  

 Facendo un paralelismo, Mosquera destacou que “o estado polaco, a súa sociedade, coa invasión nazi tamén tivo e padeceu a barbarie que supuxo o fascismo, moi análogo o que pasara uns anos antes aquí”, e insistiu que a aprobación no Pleno da devolución dos cadros “é tamén un acto de desagravio da barbarie e ten unha connotación especial”.   

 “Agradecín moitísimo que na comisión este punto fora ditaminado por unanimidade”, subliñou o vicepresidente, que se amosou satisfeito pola votación de toda a Corporación no mesmo sentido.  

 Fixo unha aclaración de tempos pola tardanza da devolución. Indicou que cando se tivo “a constatación fidedigna, clara, e ben establecida” de que os cadros foran espoliados a vontade da Deputación foi devolvelos canto antes mais houbo un incidente xurídico sobre a propiedade, no sentido de que alguén reclamou que era herdeiro particular, polo que houbo que aclarar ese extremo.   

 “De non ter que aclarar iso xa estarían devoltos. Tivemos que cubrir as costas. A Deputación demostrou toda a súa vontade de devolver os cadros incluso gratuitamente a pesares de que ten dereito a xustiprezo, porque non é a cuestión económica, senón o valor simbólico, e resulta que despois podiámonos meter en pleitos con responsabilidade. Iso está aclarado con informes e ditames e hoxe é un día que nos honra a todos por colaborar”, salientou.  

 O nacionalista finalizou a súa intervención asegurando que en xeral “os espoliados teñen moitas dificultades de recuperar as obras que lles foron espoliada. Este non é o caso. Dende o primeiro día intentamos dar todas as facilidades porque consideramos que é de xustiza un desagravio ao pobo polaco e ás obras de arte polo que sufriron nos anos 40 coa invasión nazi”.  

Intervención íntegra do vicepresidente César Mosquera sobre a devolución.

 Dispoñible en https://www.youtube.com/watch?v=UO4xtkGDfdw (dende minuto 25.22). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario