A subdelegada de Goberno en Pontevedra participou na firma da Acta Anual de Recoñecemento Fronteirizo no Río Miño
Maica Larriba destaca a área fronteiriza do Miño como punto de encontro entre territorios irmáns
· Este acto dá cumprimento ao recollido no artigo 15 do Tratado de Lisboa de 1864 no que se define a fronteira entre España e Portugal
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, participou esta mañá no acto da sinatura da Acta de Recoñecemento da Liña de Fronteira no Río Miño, xunto con membros da Armada Española e da Marinha Portuguesa, ademais de con alcaldes e representantes dos concellos galegos e câmaras municipais fronteirizas de Portugal
Fotos: S. de G.
Infogauda / Tui
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, participou esta mañá no acto da sinatura da Acta de Recoñecemento da Liña de Fronteira no Río Miño, xunto con membros da Armada Española e da Marinha Portuguesa, ademais de con alcaldes e representantes dos concellos galegos e câmaras municipais fronteirizas de Portugal. A subdelegada do Goberno mostrouse moi satisfeita de participar, un ano máis, “nun acto tan cargado de simbolismo que serve para reforzar as relacións internacionais entre España e Portugal, avanzar no intercambio de iniciativas e impulsar proxectos na fronteira do Miño”. Así, subliñou que “a área fronteiriza do Miño máis que unha fronteira entre países é un punto de encontro entre territorios irmáns”.
Tras embarcar as autoridades españolas desde a Comandancia Naval de Tui no patrulleiro “Cabo Fradera”, foron ao encontro do patrulleiro portugués “Río Minho”. Coas dúas embarcacións fondeadas asináronse as actas de recoñecemento fronteirizo de maneira conxunta. Concretamente, asinaron as alcaldesas e os alcaldes de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves e Arbo do lado español; e os dos municipios de Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença do Minho e Monçao, do lado portugués. Con este acto, que ten por obxecto examinar a parte fluvial da fronteira, dáse cumprimento ao recollido no artigo 15 do Tratado de Lisboa de 1864 no que se define a fronteira entre España e Portugal.
Comandancia Naval do Miño
A Comandancia Naval do Miño, pertencente ao Ministerio de Defensa, é a institución encargada de velar polo cumprimento dos tratados internacionais subscritos entre España e Portugal relativos ao Tramo Internacional do Río Miño. O Comandante Naval de Tui, Pablo Redondo, copreside, xunto co Capitán do Porto de Caminha, a Comisión Permanente Internacional do Río Miño, máximo órgano de decisión sobre as propostas relativas ás condicións do Tramo Internacional do Miño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario