28 de set. de 2022

CULTURA

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presenta a nova proposta do artista de Cambados que se poderá ver durante este outono 

A Xunta leva a rúas emblemáticas de Madrid o gran proxecto escultórico de Manolo Paz 

Entre os meses de outubro e decembro veranse ao aire libre pezas no Paseo de Recoletos, a Praza de Cibeles, o Paseo do Prado ou o Museo Tyssen-Bornemizsa 


Menhir, de Manolo Paz
Foto: FB


Infogauda / Santiago de Compostela

 A exposición A distancia que nos une con pezas de gran formato do escultor Manolo Paz chegará este outono a algunhas das rúas máis emblemáticas de Madrid co apoio da Xunta no marco do Xacobeo 21-22. Tras o éxito dunha proposta similar en Santiago de Compostela durante este verán, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o artista cambadés, presentaron hoxe este proxecto que promoverá a cultura e a arte galega. 

 “Manolo Paz é un dos grandes artistas galegos contemporáneos e ten un gran mérito a súa capacidade de intervir en espazos singulares como el o fai, conseguindo que a arte dialogue co territorio”, expresou o titular de Cultura. Román Rodríguez recordou que a Consellería de Cultura e Turismo de Galicia apoian esta iniciativa no marco do Ano Santo como “gran oportunidade de promoción da nosa cultura e de Galicia en xeral”. 

 Subliñou, ademais, a importancia das localizacións das obras, en lugares emblemáticos entre os que se atopan o exterior do Concello, edificio obra doutro galego como Antonio Palacios, onde serán “vistas por centos de miles de persoas con obras que dialogarán, ademais, cun espazo Patrimonio Mundial como é o Madrid de la Luz”. 




 Neste sentido, Manolo Paz referiuse tamén ao proceso creativo e á elección dos emprazamentos en espazos simbólicos para a cultura, incluíndo as inmediacións do Museo do Prado, o Museo Tyssen-Bornemizsa, a Biblioteca Nacional, a Fonte de Cibeles ou o Banco de España. 

 A itinerancia é un proxecto colaborativo entre a Xunta, a galería de arte madrileña Max Estrella e o Concello de Madrid. A súa inauguración está prevista a inicios do mes de outubro e permanecerá instalada ata finais de ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario