8 de set. de 2022

A GUARDA

A Guarda pechará un verán acugulado de propostas culturais, deportivas, festivas, gastronómicas, ..., 

E cunha excelente afluencia turística  


A banda de música Agrupación Musical de A Guarda ofreceu seu concerto de verán no auditorio San Bieito
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A menos de dúas semanas do final oficial da tempada estival, o Concello de A Guarda fai balance dun verán 2022 moi positivo, cunha ampla afluencia de visitantes á vila, que puideron gozar e aproveitar toda a oferta cultural, deportiva e gastronómica da vila guardesa.  

 A Axenda de Verán congregou a meirande parte dos eventos realizados ao longo da tempada, onde non faltou a música, a igualdade, as festas populares e gastronómicas, o teatro, as actividades infantís, o cinema na rúa, probas deportivas, a maxia, eventos literarios, feiras comerciais e creativas, entre outras.  


Sesión de cinema na praza do Reló

 Para a concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes este foi o verán no cal “voltamos a desfrutar da cultura na rúa, nas fermosas espazos públicos que na nosa vila permiten organizar eventos, coma a  praza do Reló, a Alameda, a praza de Avelino Vicente, a praza dos Seixiños, a praza da Guía, a explanada do Portiño Novo, a fortaleza de Santa Cruz, o parque do Cancelón, e en moitos outros lugares municipais, así como nun espazo tan singular e único  coma o  auditorio  de San Bieito (un dos poucos que existen aberto ao mar).”


Un momento do concorrido concerto de Heredeiros da Crus
   A Guarda Mar de blues, na praza do Reló
Multitudinario concerto de Beret no Portiño Novo

 

 No apartado musical destacaron os concertos de Heredeiros da Crus e Beret, congregando a un bo número de persoas que asistiron a estas dúas citas musicais do verán no porto de A Guarda. Tamén A Guarda Mar de Blues, que ateigou de público a praza do Reló, con actividades musicais tamén para os máis cativos.  

 A Guarda Diversa continuou unha edición máis pondo de manifesto que a nosa localidade é, afortunadamente, un municipio diverso, moderno e inclusivo, dando visibilidade e sobre todo loitando pola diversidade, é unha ferramenta de futuro, un motor de cambio e evolución.  


A actriz Eva Iglesias - á der. da imaxe -, pregoeira da Festa da Lagosta, 2022, co alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, o concelleiro de Turismo, Rafael Álvarez, e Patricia Vicente, do restaurante Xeito

 A Festa da Lagosta, a Festa do Peixe Espada e a Festa do Percebe foron os principais eventos gastronómicos do verán, destacando a ampla oferta existente na vila, seña de identidade e que fai que o turismo gastronómico poña no mapa a A Guarda. Citas nas que non faltaron tamén actividades complementarias coma feiras de artesanía, animación de rúa, música, etc.  

 As Festas do Monte Sana Trega congregaron a multitude de veciños e veciñas de A Guarda, da comarca e de todos aqueles que nos visitan ou teñen segunda residencia na localidade. Nesta edición, o desfile folclórico e de bandas mariñeiras puido retomarse despois da parada debido a pandemia da Covid. Foron 2 anos sen Festas do Monte e os bombos volveron a  escoitarse nas rúas e prazas da localidade así como no Trega. A alegría e a ilusión por voltar a desfrutar das nosas festas encheron de ledicia á veciñanza e a todos aqueles que estes días se achegaron ata A Guarda.  


Monitor e participantes nunha das visitas guiadas ao poboado Mergelina, do monte Santa Trega

 As visitas guiadas ao monte Santa Trega fixeron que moitos visitantes puidesen coñecer de preto a cultura castrexa e o noso rico patrimonio monumental, contando cunha moi boa asistencia que tamén se deixou notar no Museo Arqueolóxico do monte Santa Trega (MASAT). 

 Tamén a Asociación de Embarcacións Tradicionais Piueiro axudou a gozar e apreciar a cultura mariñeira da nosa vila co seu volanteiro e todas as actividades que se organizaron ao longo do verán.  

 A cultura encheu diferentes espazos do municipio con concertos, actuacións de maxia, representacións teatrais, danza e baile ou eventos literarios coma a III Feira do Libro Luso-Galaica da Ribeira do Miño.

 O deporte tamén estivo presente este verán na Guarda, coma a petanca, exhibicións deportivas, xadréz, ciclismo, carreiras pedestres ou carreiras de orientación, citas anuais que se consolidan con eventos ou torneos que congregan una ampla participación de deportistas e de público.  

 As exposicións tamén deron brillo o verán 2022 na Guarda, como a mostra de pinturas de Chuny Vázquez ou a da colección de fotografías de Tito Lemos.  

 As festas do Carmen, as de San Caetano e as da Guía tamén encheron de música e lecer a nosa vila, cunha ampla participación de persoas nas actividades incluídas nas súas respectivas programacións.  

 No apartado comercial destacou as feiras de oportunidades do comercio local, organizadas dende ACIGU-CCA ou a Mostra Creativa, que congregou a máis dunha vintena de artistas da comarca do Baixo Miño.  

 Sen dúbida, o verán de 2022 estivo ateigado de propostas que non deixaron indiferente a ninguén, pois houbo actividades para todos os públicos e todas as idades.  

 Mª Montserrat Magallanes sinala: “Dende o concello tratamos de abarcar diferentes disciplinas culturais: cine na rúa, teatro, música para diferentes  sensibilidades, maxia, circo... completándoo con exposicións na Casa dos Alonso (que foron todo un éxito de afluencia e sorprenderon pola constante presenza de público) e con presentacións de libros. Sempre complementando a oferta que xa ofrecían as diferentes comisións de festas ou entidades organizadoras de eventos. 

 Foi un verán no que temos que agradecer o esforzo de moitas persoas, en primeiro lugar do persoal municipal, daqueles que traballan no departamento de Cultura,  de Servizos, Policía Local ou GES. Sei que deron máis do que puideron sabendo que o seu compromiso está co pobo de A Guarda. 

 Queremos agradecer tamén  o esforzo e o labor de moitas persoas das comisións de festas que traballan con honradez para facer grandes as festas do seu barrio. 

 E finalmente agradecer a presenza dos veciños e veciñas de A Guarda que coa súa presenza, comentarios e mostras de apoio fan que o equipo de goberno traballe coa mesma ilusión que o primeiro día.”   

 A programación continúa coa Mostra Asociativa que terá lugar este sábado día 10 de setembro na praza de Avelino Vicente, e coas festas das Mercedes. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario