23 de set. de 2022

A GUARDA

MERCEDES LOMBA BAZ, UNHA DAS ÚLTIMAS ARGHACEIRAS DE A GUARDA


Mercedes Lomba Baz, na tarde do día 2 de decembro de 2019, cando estaba apañando xerez
Foto: Ricardo Rodríguez Vicente


Ricardo Rodríguez Vicente

 Nos últimos días de novembro de 2019, o mar andou revolto. Súa forza ciclópea, combinada con moito vento – con refachos de ata 95,5 km/h., rexistrados o día 24 de novembro -, fixo posible que o xerez - (Gelidium), xénero de algas vermellas pluricelulares, das que se coñecen máis dun centenar de especies – arribasen ao porto de A Guarda, quedando “en seco” na baixamar, nos areais da Ribeira e da Ribeiriña, e tamén nalguns tramos do litoral comprendido entre O Cangrexal e Punta Xenete, exemplos de ancestral talasonimia. Nun deses lugares – Fontela - ollamos na tarde do día 2 de decembro de 2019 unha muller traballando na recolleita do xerez. Provista dunha gancha e dun anciño, e tamén dun capacho, ía achegando o froito que o mar deitara nas rochas. E pouco a pouco ía enchendo seu pequeno carro de man, no cal levaría as algas ao correspondente tendal, preto da Atalaia, para seu secado. Estámonos referindo a Mercedes Lomba Baz, unha muller de 80 anos de idade – no momento ao que nos referimos -, que probablemente sexa unha das últimas arghaceiras da Guarda, que de xeito continuado ao longo do tempo, ainda andan á procura do xerez. 

 Cando este cronista chegou xunto a ela, logo de saudala cordial e respectuosamente, tivemos oportunidade de conversar con Mercedes. Ela é unha muller esvelta, de beleza intemporal, que leva na súa fermosa faciana á sintese da súa andaina vital, como esposa, como nai – de 6 fillas e 1 fillo -, como avóa, e como traballadora. 


Mercedes empillando xerez no baixo dun inmoble de seu
Foto: Ricardo Rodríguez Vicente

 Non era á primeira vez que mantiveramos unha conversa con Mercedes. Xa no seu momento, fai unos anos, habiamos concertado unha visita para unha reportaxe que publicouse no xornal FARO DE VIGO. E máis preto no tempo, concretamente no verán de 2019, cando vímola traballar á procura do argazo en Fedorento, a carón da ruta xacobea do Camiño Portugués pola Costa. Daquela, esas algas, logo da súa recolleita e posterior secado nas rochas máis alonxadas da pleamar, serían gardadas para o abono na sementeira das patacas para o autoconsumo familiar. 

 Máis nunha charla que mantivemos no paseo marítimo de A Guarda, o día 2 de decembro de 2019, Mercedes brindounos unha síntese do seu labor, e referíndose a recolleita do xerez, non dubidou en salientar o que podería ser un elocuente titular de prensa: “Isto dáme á vida!” 

 Mercedes, que sen pretendelo, demostra unha vitalidade pouco habitual nunha persoa da súa idade - con todo o que iso conleva -, falounos co corazón, de todo canto traballou para axudar á economía doméstica, nunha época na que á fortuna non lles foi propicia, e para non deixar ningún salgueiro – como ela mesma nos dixo -, traballou todo canto puido, pois o barco que tiveran non resultou como sería desexable, senón que máis ben xerou non poucos quebrantos. 

 Afortunadamente todos os contratempos foron superados, grazas ao traballo do seu home  - Luis Acevedo Pacheco -, e da decidida colaboración de Mercedes. 

 Hoxendía Mercedes laborea na recollida do xerez – que ela non dubida en cualificar que “é ouro” -, porque iso motívaa a erguerse cada día, e dispoñerse a sair na súa procura, na compaña da brisa mariña, da auga e do son do mar, e se fai bó tempo, tamén da enerxía vivificante do sol. 

 Non se imaxina o amable lector destas liñas, qué encanto de muller, que afán posúe, e que motivación ten Mercedes. Por esas, entre outras moitas razóns, logo da breve conversa con Mercedes, e de facer unhas fotografías, este cronista decidiu escreber estas liñas que teñen un único obxectivo: render unha sinxela homenaxe á Mercedes Lomba Baz, por manter viva á actividade de argaceira e por ser un dignísimo exemplo de muller loitadora. 


Argaceira, obra do pintor e ilustrador Manuel Ángel Álvarez   (A Guarda, 15 febrero 1855 – Madrid, 1 septiembre 1921), pintada en 1919
Arquivo: Ricardo Rodríguez Vicente


 

 Facemos extensiva esa homenaxe a todas ás mulleres que traballaron no mar da Guarda e da súa contorna, e que dalgún xeito moitas delas quedaron reflectidas nas imaxes cinematográficas do fotógrafo Joaquín García Portela (Costiña); nalgunhas obras dos pintores Manuel Ángel Álvarez e Antonio Fernández Gómez, e tamén nos cadros inxenuistas de Alfredo Vázquez Palacios e de Isaac Benito Rodríguez, respectivamente; nas fotografías de Mariano Jiménez Hueto, Prudencio Vicente Sobrino, Daniel Lorenzo Villa, Luís Cadilla González, entre outros fotógrafos contemporáneos, así como na figura da “Xuliva”, pintada ao óleo pola artista guardesa Alicia Mª Alonso Fernández (Alicia Alonso) e inmortalizada tamén por Tino Baz Baz, na cantiga A Xuliva, incluída no álbum Cinsa namorada (2007). O cineasta guardés Xurxo Chirro, tamén adicou a curtametraxe Argazo (2006), as mulleres que apañan algas mariñas. 

 A Guarda que ten o mar como milenario compañeiro de existencia, non dubidou en erixir oportunamente un Monumento ao mariñeiro, da autoría de Xosé Antúnez Pousa, que ademáis dun pescador halando seu aparello a bordo dunha gamela – embarcación en transo de desaparición -, leva un panel lateral que representa as atadeiras e seu labor – verdadeira arte e un dos máis antigos oficios mariñeiros - de arranxo – atado, entrallado, ... - e fabricación das redes – trasmallos, volantas, ... - para á pesca. Con posterioridade, o Concello guardés erixiu un Monumento ao mariñeiro desaparecido, obra de Magín Xulio Picallo Durán. Con eses precedentes, coidamos que á figura das argaceiras tamén debería contar co correspondente memorial, pois dese xeito faríase xustiza con todas ás persoas – mulleres e homes, de A Guarda, Camposancos e Salcidos; e por suposto do Rosal – que ao longo de moitas décadas souberon aproveitar as algas como recurso natural para o abonado das leiras, pois dese xeito producían máis e mellores froitos. E andado o tempo, tamén sería un magnífico complemento para á economía familiar, aproveitando ese xerez para á posterior extracción da substancia coñecida como agar-agar, que ten moitas aplicacións, sendo moi empregada na industria alimentaria - como espesante para sopas, xelatinas, xeados,.. -, na bacteriolóxica e na farmacéutica, entre outras. 

 A proposta queda reflectida eiquí, como queda nosa admiración por Mercedes Lomba Baz, unha das últimas argaceiras da Guarda.  


Nota do autor: 

 Este artigo foi creado para súa publicación no libro-programa das festas na honra de Nosa Sra. da Guía de 2020. Por causa da pandemia non houbo festas nin ese ano nin o seguinte. 

 Neste 2022 houbo festas e tamén foi publicado un libro-programa, editado pola asociación que as organizou. Como non fomos convidados a achegar algún artigo da nosa autoría, non puidemos colaborar como houbera sido noso desexo. Deixamos constancia dese feito. Nada mais. 

 En calquera caso, ainda que puidemos publicalo en Infogauda, con anterioridade, decidimos facelo neste 24 de setembro, festividade das Mercedes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario