24 de set. de 2022

A GUARDA

A GUARDA E A SÚA COMARCA CELEBROU POR TODO O ALTO Á FESTIVIDADE DE SANTA TREGA

Unha delegación de Póvoa de Varzim participou nos actos conmemorativos



Persoas devotas de santa Trega, autoridades de Póvoa de Varzim e de A Guarda, no momento de recollerse a imaxe na súa ermida
Fotos: Ricardo Rodríguez Vicente


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Rematado o tempo de restricións de mobilidade, de limitacións de aforo, e todo iso que tivemos que aturar por causa da pandemia da Covid-19, voltamos en boa hora, neste 2022 aos tempos de prezada libertade. Dese xeito, neste 23 de setembro, festividade de santa Trega, á cidadanía de A Guarda e unha boa representación da veciñanza do seu arciprestado, subiu - en moitos casos camiñando - ata a ermida da discípula de san Pablo e unha das primeiras mártires do cristianismo. 

 Os devotos da Virxe do Trega, mesmo rezaron o vía crucis, como paso previo á visita a capela da santa avogada das doenzas da cabeza, do corazón e do cancro óseo. 

 Entre os centenares de persoas que ata alí se achegaron, estaban Luís Diamantino Carvalho Batista,  vice-presidente da Câmara Municipal da Póvoa de Varzim, os tripulantes da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus", e outras persoas que se desprazaron por estrada. desde a fraterna cidade poveira, irmandada co concello de A Guarda.

 Queremos salientar que membros da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro sairon o pasado xoves día 22 deste mes ao encontro da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus", atopándose a altura de Montedor, e desde alí viñeron o volanteiro Piueiro e sua irmá maior á "Fé em Deus", navegando cara o "mar dos galegos", para fondear no porto de A Guarda pouco despois das 22:00 horas. 

Mariñeiros guardeses e poveiros, a carón do monumento a Póvoa de Varzim, no atrio da ermita de santa Trega
 
 Nesta altura, a tripulación da Lancha Poveira do Alto está formada polas seguintes persoas: Agonía (mestre), José Ferreira, Víctor Castro, Carlos Flores, José Manuel da Silva Peixoto, Joâo Manuel Neves Pereira, Ivan Costa, Abrâo Pereira da Cruz, António Brandâo Dias, Carlos Alberto de Sá Oliveira, Carlos Manuel Diegues, Carlos Manuel da Silva Teixeira, Luis Filipe Castro Leite e Paulo Sérgio Gonçalves da Silva. Desa relación viñeron nove homes e no retorno irán dous máis.

 Foi así como con notable puntualidade, á delegación poveira subiu neste 23 de setembro ata á ermida de Santa Trega para participar en perfecta camaradería cos veciños de A Guarda, nesta festividade de tanta tradición no noso pobo.
 
 A xornada - festiva de ámeto local - comezou coas misas rezadas das 8:00 e das 9:00 horas, respectivamente, oficiadas polo padre Avelino Baquero, párroco de San Lourenzo de Salcidos.





 Ás 11:30 horas, daría comezo a solemne eucaristía co-oficiada polo padre Luís López (da congregación dos PP. Somascos), vigairo xeral do arciprestado de A Guarda, e o padre Avelino Baquero, coa participación do diácono permanente José María Fernández Carrera.

 

 
 A ofrenda foi efectuada por José Benito Rodríguez González, vicepresidente da Asociación de Embarcacións Tradicionais Piueiro. Na súa intervención o veterano home de mar Tito Chirro, entre outras cousas dixo: "(...) Cada 23 de setembro lembrámola como Patroa da nosa comunidade. Facémolo nesta capela, onde a humildade maniféstase como expresión extraordinaria de beleza. Un lugar, onde de seguro, Santa Trega síntese na casa,  como extensión no tempo da súa cova, na rexión de Seleucia, onde se retirou  para morar en soidade  na busca da paz interior. Neste recuncho atalaico, monte que a nomea, síguenos acompañando  e guiando a través dos tempos, a través dos mares da vida, coa súa forza  de muller decidida e valente, imperturbable nas súas conviccións de fé.

 Hoxe, derredor dela, festexamos dous pobos a súa unión secular. A devoción a santa Trega  é o cabo que nos conecta, xeración tras xeración, as comunidades de A Guarda e a Póvoa de Varzim. Dúas embarcacións irmáns, dúas tripulacións, que humildemente tentan manter viva a lembranza de singladuras e intercambios oceánicos baixo a protección da Nosa Santa común.

 Lancha [poveira] do Alto e volanteiro, "Fé em Deus" e "Piueiro", xemelgos fondeados aos pes deste maravilloso altar que é o monte Santa Trega, honrándoa, un día como hoxe, como referencia vivas de dous pobos irmáns que se riden xuntos ante a luz da nosa Santa, Santa Trega (...)".

 A solemne eucarístia contou coa participación de Antonio Barros e de Ialma (dúo acústico, piano e voz), que interpretaron varios motetes no decurso da misa solemne, causando unha magnífica impresión entre ás persoas que asistiron a celebración da misa. Ao termo da mesma, sairía a procesión en dirección ao Pico do Facho, para a continuación xirar deica o Pico de San Francisco, e retornar á ermida. Durante o traxecto procesional, o grupo de música tradicional da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), adscrita á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia,  interpretou varias marchas procesionais.





 Como é tradicional a imaxe de santa Trega foi portada por varias mulleres devotas, e no itinerario procesional tamén foi amosado o relicario da santa.

 Na procesión, ademais de numerosas persoas devotas de santa Trega, tanto guardesas como poveiras, participaron o vice-presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim; o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; membros da corporación municipal, e outras representacións cívicas e oficiais, 





 Unha vez rematada a procesión, deu comezo a poxa dos froitos do campo e do mar, diante do púlpito ao aire libre, evento presenciado por centenares de persoas que viron como esa antiga tradición diezmal, proveniente do medievo, subsiste ao longo dos tempos. Froitos desta época (castañas, cebolas, pementos, uvas,...), peixe de coiro, mariscos, viños, sobremesas,..., foron adxudicados aos mellores postores. Tamén foi sorteada a regueifa - contendo unha valiosa sorpresa, sendo agraciado o posuidor da rifa co número 9.642, que xa tocou a unha persoa de A Guarda.

 Entre tanto, na Casa dos Cregos, foi servido un viño galego a delegación poveira e autoridades asistentes a celebración da festividade de santa Trega.

 A xornada festiva continuaría co xantar de grupos familiares e de amigos, e a tardiña deuse por concluída a celebración, coa ledicia xeralizada de todas as persoas participantes que gozaron dun día de excelente climatoloxía, xuntamente no equinocio de outono e do comezo astronómico desta estación, que á vista das témporas, todo semellar indicar que continuaremos coa prolongada seca. Ogallá nos equivoquemos. 
 
 Santa Trega, rogai a Deus por nós. 
 
 Deus ouvide a nós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario