A V BAIXADA DE CARRILANAS FESTA DAS MERCEDES, DE A GÁNDARA, UN ROTUNDO ÉXITO
Nesta edición o percorrido foi pola rúa Concepción Arenal ata a rúa do Porto
Informan:
Ricardo Rodríguez Vicente (redacción) e Santiago Baz Lomba (reportaxe fotográfica) / A Guarda
Logo dos labores previos levados a bo termo, para darlle ao evento a maior seguridade posible, tanto aos participantes como ao público, na tarde do sábado día 10 de setembro, tivo lugar a V Baixada de Carrilanas Festa das Mercedes.
A proba, organizada pola Asociación de Veciños O Percamino - Comisión de Festas das Mercedes, de A Gándara, coa colaboración da Policía Local de A Guarda, celebrouse por vez primeira no circuito urbano (da rúa Concepción Arenal, comprendido entre a praza de Avelino Vicente e a rúa do Porto). Esa deslocalización - respecto as edicións precedentes - foi (segundo a opinión persoal de moitas persoas, e tamén deste cronista) todo un acerto, facendo posible que tanto a veciñanza de A Guarda como de localidades da contorna se desen cita na vila guardesa para vivir en vivo e en directo, o desenvolvemento da baixada de carrilanas e tamén de triciclos. Dese xeito, centenares de persoas de todas as idades, situáronse coa debida antelación nos lugares estratéxicos, entendidos como tales, o punto de saída; ao longo do traxecto; así como na intersección das rúas Concepción Arenal, Brasilino Álvarez e Enrique María Sesto; e por suposto nos tramos en curva, como fronte a praza de abastos e diante do que fora convento das bieitas, así como no lugar da meta.
O respectable público comportouse con toda á corrección, respectando as zonas delimitadas mediante pacas de herba seca, valos metálicos e cintas plásticas, así como as indicacións dos membros da organización, perfectamente identificables, gozando coas actuacións dos participantes - por parellas, no caso das carrilanas, e individuais, no caso dos triciclos - a bordo dos seus vehículos
A baixada das carrilanas, que en realidade foron tres (unha primeira de recoñecemento do circuito, unha segunda con saída individual (de un en un,) cronometrada, e unha terceira con saída conxunta, tamén cronometrada.
O espectáculo estivo en todo momento supervisado por efectivos humanos da organización e non houbo percance de ningún tipo - polo menos non nos consta - xa que os participantes tiveron presente que o que debe primar neste tipo de probas é a seguridade individual e colectiva. Con todo, nos triciclos houbo momentos nos que os participantes fixeron xiros de 360 grados, o que motivou que os espectadores vibrasen con esas espectaculares evolucións, causando a admiración do público.
No que respecta as carrilanas, pilotos e acompañantes - nalgúns casos disfrazados - esmeráronse por divertir a moitedeume de persoas que acudiron a presenciar o evento.
Foi así como a V Baixada de Carrilanas Festas das Mercedes de A Guarda, resultou un auténtico éxito de participantes - 17 vehículos en total -, de organización. e sobre todo, de afluencia de público.
Nesta edición da Baixada de Carrilanas, os participantes premiados foron os seguintes:
1º.- Antonio e Raúl, cun tempo de 00:52;58.
2º.- Sergio e Donato (Batmovil), cun rexistro de 00:54:90.
3º.- Yayo e Rubén, cun tempo de 00:55:09.
Coa entrega de premios (representando sendos Troncomóbiles) - por parte do alcalde A Guarda, Antonio Lomba Baz; da tenente alcalde, Mª Montserrat Magallanes Álvarez; e do concelleiro de Turismo, Rafael Älvarez Martínez - aos tres primeiros clasificados, e a continuación tamén os demais; púxose broche de ouro a V Baixada de Carrilanas Festa das Mercedes, de A Gándara, e tamén a Mostra Asociativa - neste caso promovida polo concello guardés -, que ao longo de toda a tarde, convertiu a praza de Avelino Vicente nunha ágora de reencontro dunha boa representación das entidades culturais, deportivas e sociais de A Guarda, que contou con postos - un por cada entidade - actuacións corais, baile moderno, confección dunha alfombra sobre o pavimento, venta de artigos,...-, e que contou cunha importante afluencia de asistentes. A todo iso contribuiu cada unha das asociacions representadas e unha excelente climatoloxía que tamén deu brillo a xornada sabatina, que viviuse con ledicia na vila de A Guarda.














Ningún comentario:
Publicar un comentario