Albergues, farmacias, postos da Garda Civil, comisarías da Policía Nacional, dependencias da Policía Local, centros de saúde e oficinas de turismo forman parte desta campaña para previr calquera tipo de violencia contra as peregrinas no Camiño de Santiago
Maica Larriba anuncia que case 400 entidades da provincia de Pontevedra colaboran este ano na campaña para protexer ás peregrinas no Camiño de Santiago
A subdelegada do Goberno presenta por segundo ano esta iniciativa que persigue reforzar a protección das mulleres, que representan máis da metade das persoas que fan o Camiño.
Este 2022 súmanse á campaña centros de saúde e oficinas de turismo e os materiais informativos distribuiranse tamén en inglés, co fin de chegar ao maior número de peregrinas posible
A iniciativa intensifícase na provincia con 122 puntos de información máis que o ano pasado
Foto: S.de G.
Infogauda / Tui
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou hoxe unha nova edición da campaña “#NoCaminasSola: por un Camino de Santiago libre de violencias machistas”, que este ano conta coa colaboración de 398 organizacións da provincia, 122 máis que o ano pasado. A iniciativa busca reforzar a seguridade das mulleres que emprenden a ruta xacobea en solitario mediante a difusión, en diferentes localizacións do Camiño de Santiago, de tarxetas e carteis informativos que inclúen un código QR que enlaza aos teléfonos dos recursos especializados en atención ás mulleres.
A campaña está promovida polas Unidades de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller das Delegacións do Goberno de Galicia, Navarra, Aragón, A Rioxa, Estremadura e Castela e León, comunidades por onde discorre o Camiño de Santiago. “O ano pasado puxemos en marcha esta iniciativa por primeira vez e o certo é que a información que recibimos por parte das usuarias foi moi positiva, e por iso este 2022 queremos potenciar o seu alcance. Porque o máis importante é que as mulleres se sintan seguras e que gocen do Camiño”, asegurou Larriba.
O material informativo que inclúe a campaña distribuíuse o ano pasado en Galicia nas diferentes rutas do Camiño de Santiago, entre albergues, farmacias, comandancias e postos da Garda Civil, comisarías de Policía Nacional e dependencias da Policía Local. Este 2022 relánzase a campaña incluíndo como novidade a introdución do inglés nos carteis e tarxetas, co fin de chegar ao maior número de mulleres posibles, e ampliando tamén os lugares de distribución, incorporando a centros de saúde e oficinas de turismo.
En total, en Pontevedra, repartiranse 402 carteis e 8.040 tarxetas. Deste xeito, 70 albergues, 187 farmacias, 21 postos da Garda Civil, 4 comisarías da Policía Nacional, 23 da Policía Local, 54 centros de saúde e 39 oficinas de turismo dos trinta concellos polos que discorre o Camiño na provincia disporán de diferentes recursos informativos para previr calquera tipo de violencia contra as peregrinas. A subdelegada quixo destacar, así mesmo, a implicación das máis de vinte organizacións tudenses que participan na iniciativa.
Maica Larriba fixo fincapé no lugar elixido para a presentación da campaña, Tui, “porque ademais de ser a porta de entrada a Galicia e Pontevedra do camiño portugués é a ruta preferida polas mulleres, que son case o 54 % dos peregrinos que escollen este camiño”. E a pesar de que, tal e como explicou a subdelegada, “este é un camiño moi seguro, o que se evidencia nas escasas denuncias que se rexistran no seu percorrido, desde o Goberno queremos reforzar tamén neste eido a loita contra as violencias machistas e por iso consideramos que é importante dar forza un ano máis a unha campaña específica que lles dá a coñecer ás peregrinas todas as ferramentas que o Executivo pon á súa disposición para previr e denunciar calquera tipo de violencia”.
No acto de presentación participaron tamén entre outros representantes que colaboran na campaña, o alcalde accidental de Tui, Rafael Estévez, a concelleira de Tui, Ana Núñez, o tenente coronel e xefe accidental da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda, o comisario provincial accidental, Ramiro García, e o tesoureiro do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Ramón Iglesias. Por último, a subdelegada recalcou que as mulleres “deben ter o dereito e a liberdade de poder facer o Camiño de Santiago soas se o desexan, non pode ser que o medo a que suceda algo lles impida facelo. A mensaxe desta campaña é xustamente que non camiñan soas, que non corren risco porque no momento no que perciban calquera perigo sempre terán a alguén ao seu lado”.
1,5 MILLÓNS DE EUROS PARA POTENCIAR TUI, PORTA DE ENTRADA DO CAMIÑO DE SANTIAGO
A subdelegada do Goberno quixo, así mesmo, subliñar a aposta do Executivo por Tui, que “é a porta do Camiño Portugués a Santiago de Compostela e cuxa relevancia histórico-patrimonial é hoxe un elemento catalizador do desenvolvemento económico da comarca do Baixo Miño”.
Neste sentido, Larriba lembrou que desde o Goberno de España trabállase por preservar e potenciar o valor do municipio con proxectos que suman un investimento superior aos 1,5 millóns de euros. No marco destas actuacións, salientou o proxecto da estrada N-551, que cun orzamento de licitación de 604.916 euros, permitirá humanizar a entrada en España do Camiño Portugués mediante a reordenación do tráfico, a ampliación de beirarrúas e a mellora de pavimentación e aparcamentos na contorna da antiga aduana. “A obra garantirá a fluidez e seguridade de circulación, tanto de viandantes como de vehículos neste tramo de estrada frecuentado por numerosos peóns e peregrinos. Ademais a mellora estética deste tramo e permitirá adecualo ao valor cultural e patrimonial da cidade”, explicou Larriba.
A subdelegada lembrou tamén as obras no Museo Catedralicio de Tui, unha actuación vinculada ao 1,5% Cultural do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e que conta cun orzamento total de 586.000 euros, dos cales o Goberno achega 440.000 euros, así como a iniciativa de recuperación do Cárcere Vello, á que o Estado destinará 400.000 euros “co obxectivo de crear un centro de acollida de visitantes e peregrinos”. Este investimento enmárcase no Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022 financiado cos fondos europeos Next Generation.
En definitiva “unhas inversións que evidencian o compromiso do Goberno de España co municipalismo e, en particular, con Tui, o Camiño de Santiago e a promoción turística deste encrave”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario