25 de ago. de 2022

O ROSAL

O Trofeo Pista de As Faias celebra os seus trinta anos de competición ciclista no Rosal  

A proba, organizada polo Club Ciclista O Rosal en colaboración co Concello, acollerá a 200 deportistas de sete categorías este 27 de agosto 


A alcaldesa e o concelleiro de Deportes do Rosal, con membros do Club Cliclista O Rosal, na presentación  do XXX Trofeo Pista de As Faias 

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Trofeo Pista de As Faias celebra esta fin de semana os seus trinta anos rodando no Rosal. Este sábado 27 de agosto arredor de 200 deportistas das categorías escola, promesa, principiantes, alevíns, infantís, cadetes e junior feminino participarán na XXX edición desta proba organizada polo Club Ciclista O Rosal en colaboración co Concello. Unha proba federada de relevancia no Circuíto Galego que encherá Tabagón do mellor ciclismo a partir das 16.00 horas.

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quere dar os parabéns ao club “non só por todo o esforzo realizado durante décadas para manter viva esta proba, senón tamén polo gran traballo polo deporte e a educación en valores que fan tempada tras tempada”. “É un orgullo contar cun club comprometido que inculca aos nosos nenos e nenas o valor do esforzo, da paixón ou da superación e que continúan a formar a unha canteira que sen dúbida dará grandes profesionais do ciclismo”, recalcou.

 A rexedora convida a afeccionados e afeccionadas a acudir ás pistas das Faias para desfrutar dunha tarde de bo ciclismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario