A Memoria Viva e a música son as protagonistas da semana no Rosal
Este martes 23 de agosto a igrexa de Santa Mariña acollerá o concerto de solistas AMDOR e a proxección do documental sobre Isaac Penela
E o mércores no Ecoparque O Campo Novo terá lugar a actuación do dúo Caamaño & Ameixeiras
Infogauda / O Rosal
Comeza
unha nova semana cargada de propostas culturais no Concello rosaleiro. Este martes
pola tarde o Rosal Cámara Fest chega ao seu fin. A cita é na igrexa de Santa
Mariña, en pleno centro do Rosal. O público asistente poderá apreciar a
calidade dos solitas da Agrupación Musical do Rosal no concerto que ofrecerán a
partires das 20.30 horas e que servirá para clausurar a terceira edición dun
festival xa consolidado na contorna.
Ás 21.30h,
os veciños e veciñas que se acheguen á esta igrexa situada na praza do Calvario,
poderán visionar o documental sobre Isaac Penela, unha peza que pertence á
segunda edición de Memoria Viva, iniciativa que ten o obxectivo de atesourar as
lembranzas que contan a historia do Rosal e que aínda non aparecen nos libros
pero si permanecen nos recordos das persoas maiores.
Esta
obra audiovisual ofrece a visión de Isaac Penela, ‘o crego inquedo’, un home de
90 anos que ademais dun home de fe, foi unha persoa moi implicada socialmente
que sempre buscou o benestar da veciñanza. Promotor e dinamizador do
cooperativismo agrario na vila, loitador durante o conflito da auga entre 1974
e 1977 que case deixa sen este ben tan importante á vila, Isaac Penela é,
segundo a alcaldesa Ánxela Fernández Callís, “un claro exemplo dese patrimonio
inmaterial vivo que temos a necesidade de recuperar pouco a pouco para que as
xeracións futuras poidan coñecer a nosa historia”.
Caamaño & Ameixeiras no Ecoparque O Campo Novo
A
rexedora rosaleira convida á veciñanza a participar nas propostas culturais da
semana que continúan o mércores 24, cunha nova cita musical: a partir das
21.00h, no Ecoparque O Campo Novo, cos veciños de Viso dos Eidos e Martín, terá
lugar a actuación de Caamaño & Ameixeiras. Un dúo formado por Antía
Ameixeiras e Sabela Caamaño ligado á música e ao baile de raíz. Xuntas
reivindican o papel da muller como artista e creadora nun espectáculo que paga
a pena.
Ningún comentario:
Publicar un comentario