18 de ago. de 2022

DEPORTES

A campaña de abonados do Club Balonmán Atlético Guardés chama a ‘Todas a bordo’ 

O club anima aos seus socios e afeccionados a acompañarlle nesta singradura lonxe de casa 

O equipo ao completo gravou un vídeo promocional no volanteiro “Piueiro”, embarcación tradicional de A Guarda 

Tamén participan a redeiras da localidade, tradicionalmente coñecidas como ‘atadeiras’, ás que as xogadoras representarán este ano utilizando este sobrenome 

A entidade mantén os prezos da tempada pasada 

O equipo miñoto xogará no pavillón de Tui os seus partidos como local na División de Honra mentres dure a reforma da Sangriña


Na imaxe, un momento da gravación do vídeo promocional a bordo do volanteiro Piueiro
Foto: M.A.G.

Redacción / A Guarda

 Tal e como marca a tradición, o Club Balonmán Atlético Guardés lanza a súa campaña de abonados para a tempada 2022/23. Faio cun vídeo promocional que pretende xerar sentimento de pertenza e animar aos socios de sempre -e aos novos- a acompañar ao equipo nesta complicada campaña. E é que o colectivo que dirixe Abel González terá que xogar como local en Tui durante uns meses polas obras de reforma do pavillón municipal da Sangriña.  

 A maior parte da peza audiovisual está gravada no “Piueiro”, volanteiro tradicional de A Guarda, cuxa tripulación trata de manter vivas as tradicións mariñeiras da localidade. E nesa misión tamén quixo participar o club, incluíndo no vídeo ás ‘atadeiras’. É o nome que reciben as redeiras no pobo desde tempos pretéritos e o que as xogadoras usarán como alcumo este curso. Unha homenaxe ao traballo silencioso de varias xeracións de mulleres, indispensable para impulsar a actividade relacionada co mar, imprescindible nunha vila mariñeira como A Guarda. 

 A curta desenvólvese coas xogadoras do primeiro persoal efectuando os diversos labores do barco e atando redes, mentres a voz en off da xornalista Paula Montes locuta un texto. Durante o minuto que dura a peza, hai alusións diversas a travesías en barco e chiscadelas aos piratas. Ao final, todo conflúe no lema ‘Todas a bordo’, que pretende animar á afección para acompañar ao equipo nesta metafórica singradura lonxe de casa.  

 Nese sentido, o club miñoto chegou a un acordo co Concello de Tui e co Balonmán Tui para poder xogar no seu pavillón os partidos como local da competición doméstica ata que a reforma da Sangriña estea completa. Os prazos máis optimistas de entrega falan de finais do mes de outubro. Con todo, co parón do Europeo de novembro polo medio e coas festas do Nadal tan preto, no club estiman que non se volverá a casa ata decembro ou, mesmo, xaneiro.  

Mesmos prezos que o ano pasado 



 
 Para esta campaña de socios, o Club Balonmán Atlético Guardés mantén os mesmos prezos que no curso pasado. A clase xeral custará 75 euros. A partir de aí, 65 para maiores de 65 anos, 50 para menores de 20, e 40 para menores de 13. Ademais, hai unha categoría de empresa, a 100 euros, que permite intercambiar o carné –os demais deben presentarse xunto ao DNI-. Este abono é válido para todos os partidos da liga regular, para a rolda preliminar da Copa da Raíña e para a primeira eliminatoria da EHF European Cup.  

 Se o Guardés consegue avanzar en Europa, será preciso abonar un suplemento para os sucesivos encontros que dispute. Mesmo proceso que se establecerá para a post-tempada, que se estrea este curso. Cando termine a liga regular, os oito primeiros competirán polo título e os catro últimos, pola permanencia. Nese momento, a directiva da entidade poñerá á venda uns bonos cuxo prezo se establecerá en función do roteiro que tome o equipo.  

 Para renovar o abono ou dar de alta un novo, hai dúas opcións. A primeira é acudir en persoa á oficina provisional que o club estableceu no baixo da rúa Concepción Arenal, 19 - xunto o parque de Chan de Conde - na Guarda. Estará aberta de luns a venres e en horario vespertino de 16:30 a 20:30. A segunda posibilidade é facelo de forma telemática. Para iso, é preciso enviar un correo electrónico á dirección coordinador@balonmanatleticoguardes.com e achegar nel o nome completo, a data de nacemento, a dirección postal e de correo electrónico, o número de teléfono, o de abonado ou nova alta e unha foto do DNI polas dúas caras. Na resposta detallaranse as instrucións para efectuar o pago a través de transferencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario