A Guarda e Caminha acollerán esta fin de semana a III Feira do Libro Luso-Galaica
O evento con programacións paralelas en ambos municipios, recollerá as principais publicacións realizadas polos concellos e cámaras municipais dos municipios da ribeira miñota
Infogauda / A Guarda
Por terceiro ano consecutivo chega ata A Guarda e Caminha a III Feira do Libro Luso-Galaica. Unha iniciativa - creada e impulsada polo xornalista caminhense Luis Almeida, director e editor do xornal dixital rexional Caminha2000 - que xurdiu coa vocación de visibilizar a ampla oferta de publicacións na contorna miñota e que na maioría das ocasións é de difícil acceso por ser publicadas a cargo das institucións e atoparse repartidas e dispersas en cada unha das localidades das ribeiras do Miño.
O evento organizado polos municipios de A Guarda e Caminha, conta coa colaboración de todos os municipios do Baixo Miño (A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño, Tui), mais tamén de Salceda de Caselas e As Neve,s pola parte galega, e dos municipios de Vila Nova de Cerveira, Valença do Minho, Monçao, Melgaço, Paredes de Coura, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez, Ponte de Lima e Viana do Castelo, pola parte portuguesa. Todos estes concellos aportaron as súas publicacións que estarán ao dispor do público na Guarda na tarde do venres 19 e durante todo o día do sábado 20, mentres que en Caminha o horario será de tarde o venres (sexta-feira) 19, o sábado 20 e domingo 21. Dese xeito, ainda que á Câmara Municipal caminhense había informado - e así o publicamos neste xornal dixital transfronteirizo - que a III Feira do Libro Luso-Galaica se celebraría os días 18, 20 e 21 de agosto, tanto na localidade portuguesa como na súa veciña guardesa; finalmente, por motivos que non foron dados a coñecer, en Caminha serán tres xornadas - como aconteceu nas dúas edicións precedentes -, os días 19. 20 e 21, e na Guarda dúas - como xa acontecera en 2020 e 2021 -, os días 19 e 20 de agosto.
A exposición e venda de libros estará acompañada dunha ampla programación con presentacións literarias e concertos, destacando na programación de A Guarda o concerto de Treides Comigo! de Xoán Curiel, que interpretará cantigas medievais da tradición luso-galaica adaptadas en clave contemporánea. Será o venres día 19 ás 21:00 horas, na Praza do Reló.
Asemade, a Banda Musical Lanhelense, ofrecerá un concerto cun repertorio específico “Minho...O río que nos aproxima”. Será o sábado día 20, ás 20:30h. na Praza do Reló.
A programación terá en conta tamén aos mais pequenos con actividades lúdicas como o concerto de Migallas, o venres día 19 ás 19:00h..
O contacontos Pepiña Maruxiña quere voar, será o sábado día 20 ás 11:30h, e un obradoiro de origamis, ese mesmo día ás 19:00h.
Un dos motivos da realización conxunta deste evento é, ademais da colaboración entre os dous concellos transfronteirizos, o intercambio de experiencias culturais, dando a coñecer a artistas e escritores de ambas as dúas ribeiras do Miño. Así é o caso da Banda Musical Lanhelense, ou dos origamis de Pamela Campelo e Olga Loureiro que dende Caminha chegarán ata a Praza do Reló o sábado a tarde.
Dende o Baixo Miño irán a Caminha os compoñentes do grupo Lirolai, de O Rosal, que ofrecerça un concerto o venres á noite.
A Asociación para a recuperación da memoria histórica do campo de concentración de Camposancos e a fosa común de Sestás presentará o libro A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos, de José Antonio Uris Guisantes e Víctor Manuel Santidrián Arias.
Asemade o fotógrafo e poeta Manuel Álvarez Álvarez, levará a Caminha o seu libro Sexades Mar, con fotografías da súa autoría e poemas de Helga Cabiddu.
TREIDES COMIGO!
O concerto a cargo do grupo de Xoán Curiel que terá lugar na Praza do Reló o venres ás 21h., trala inauguración da feira a cargo das autoridades, está incluído dentro das actividades do programa Cultura no Camiño 2022 (Xunta de Galicia- Xacobeo 2022) e cobra singular importancia dentro deste evento cultural transfronteirizo xa que parte da orixe da nosa lingua común (o luso galaico) e unha das súas maiores representación literarias como é a tradición das cantigas medievais.
O compositor e cantante Xoán Curiel define o espectáculo como novo e vello ao mesmo tempo.
Xoán pon música ás cantigas escritas hai case un milenio co propósito de ofrecer unha actualización das mesmas e achegar tamén a figura dos trobadores diversos camiños de Santiago, que sen dúbida espallaron esta tradición.
Arpa, vento, percusión, voz e guitarras farán o resto nesta proposta de gran calidade artística que nos deleitará o venres 19 ás 21:00h. na Praza do Reló, de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario