O Concello transformará a contorna das Eiras
A alcaldesa agradeceu a implicación da veciñanza no acto de participación social de presentación do proxecto, no que puideron expoñer as súas suxestións
Infogauda / As Eiras (O Rosal)
O Concello
do Rosal continúa a súa aposta por proxectos que permitan un desenvolvemento
integral do municipio, poñendo en valor os seus espazos e o seu patrimonio e
situando de novo ás persoas no centro. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís,
presentou nun encontro coa veciñanza o proxecto de mellora e transformación da
contorna das Eiras, unha zona “cun elevado valor natural e patrimonial que vai
dende a Ribeira ata a Madalena con actuacións que resolven problemáticas
concretas, recuperan o patrimonio cultural e melloran os accesos, os camiños,
as sendas e, por suposto, a calidade de vida da veciñanza e das persoas
visitantes”.
O
Concello celebrou un acto de participación social aberto no que os veciños e
veciñas achegaron ideas e suxestións que incorporar ao proxecto. “Non podemos
máis que agradecer a implicación e compromiso dos rosaleiros e rosaleiras, xa
que para nós é moi importante poder facer unha escoita activa dos nosos veciños
e veciñas, porque son os que mellor coñecen a realidade da contorna”, recalca a
rexedora.
A
transformación das Eiras comezará pola mellora da accesibilidade da igrexa e da
súa contorna deteriorada. O proxecto integral busca dar prioridade ás persoas,
mellorando as condicións de accesibilidade peonil para reconectar o Miño coa
Madalena e creando espazos de calidade e máis seguros, con mobiliario urbano
que xere pequenas zonas de estancia e reducindo a velocidade e mudando
pavimentos. Ademais, “atendendo á realidade climática, empregaranse materiais
de Km 0, especies vexetais autóctonas sen regos e pavimentos permeables e
semipermeables que melloren a relación entre o medio e as persoas que o
habitan”. Ese respecto polo territorio estenderase tamén aos materiais
empregados, con formas e cores inspirados na paisaxe e no propio medio que
mellorarán a accesibilidade e se difuminarán entre o patrimonio existente.
Dende o Concello estase a levar a cabo un importante traballo para captar fondos externos cos que desenvolver estes proxectos que buscan “transformar O Rosal priorizando a sostibilidade, a calidade de vida e a recuperación de espazo público para as persoas, como marcan os valores europeos de cara ao futuro”, explica Fernández Callís.
Ningún comentario:
Publicar un comentario