26 de ago. de 2022

A GUARDA

O Concello de A Guarda optará a financiación a través de fondos europeos para a última fase de modernización do seu mercado 

Este proxecto inclúe diversas accións que promoverán que o mercado municipal poda proseguir o seu proceso de adaptación aos novos modelos e hábitos de consumo e sexa máis sostible.   


Fátima Rodríguez Marcos, concelleira de Dsenvolvemento Local, nunha visita a praza de abastos de A Guarda
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O equipo de goberno municipal do concello de A Guarda, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, fixo público no día de hoxe, que "o pasado 4 de agosto presentouse ante o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo un proxecto integral de apoio ao comercio establecido no mercado municipal da Guarda no que se solicita unha axuda de 261.172€ procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia."   

 As mesmas fontes indican que "a intervención ten como obxectivo converter o mercado municipal, un referente en calidade, nun espazo para a cohesión social que actúe como tractor do comercio minorista, e en definitiva como dinamizador económico para o resto do comercio local.   

 A clientela que acude a día de hoxe ao mercado ten diversas motivacións: buscan a calidade dos produtos e unha boa relación calidade-prezo, queren impulsar a agricultura e os produtos locais, buscan o ambiente e o bo trato do mercado e, para outros/as, ir á praza é cuestión de costume. A través desta intervención o que se pretende é mellorar a experiencia de compra desa clientela habitual e, sobre todo, captar a nova clientela e conseguir que acaben acudindo ao mercado para facer a súa compra diaria, e non só dun xeito ocasional."   

 Segundo avanzou o goberno local "algunhas das accións concretas que se incluirían dentro desta actuación serían a instalación de taquillas intelixentes para a recollida de pedidos fóra do horario comercial do mercado; un programa de formación e mentorización individual para praceiros/as sobre ferramentas dixitais e fomento da economía circular; a creación dun observatorio do comercio, campañas de marketing dixital; diversas actuacións para fomentar a redución no uso de bolsas e envoltorios de plástico; ou a creación dun espazo denominado “A cociña do mercado”, que se converterá nun foco de actividades de dinamización e posta en valor dos produtos do mercado." 

Ningún comentario:

Publicar un comentario