Xosé Cabaleiro amosará súa exposición Pedras
Que poderase visitar na vila de A Guarda, do 25 ao 28 de agosto
Infogauda / A Guarda
As prazas do Reló e de Avelino Vicente e a praza de abastos municipal, respectivamente, son os lugares que van acoller entre os días 25 e 28 de agosto a exposición Pedras, de Xosé Cabaleiro.
Esta exposición instalada ao aire libre, estará formada por 15 obras de artesanía escultórica feitas en pedra do país - granito -, pegada en ferro, madeira, cartón ou mesmo feltro.
No itinerario expositivo poderemos ubicarnos en diferentes épocas da cultura galega, dende os nosos antepasados castrexos, con pezas tan interesantes como as espirais, os trísceles, os labirintos,..., ata a época dos nosos avós e avoas cunhas obras que falan deles: a boina, as tamancas, as zocas,..
O percorrido remata na praza de abastos con tres obras feitas en terracota e pintadas a óleo, facendo unha homenaxe a gastronomía galega.
Xosé Cabaleiro, é un artista choqueiro, pois naceu en Redondela no outono de 1961. Autodidacta e cultivador da arte, taberneiro de profesión ata 1994, cando por unha incapacidade decide dedicarse a facer artesanía escultórica. Entre 1995 e 1998 cursa estudos de pintura e debuxo na escola de Suso Ben (Redondela). Do 2010 ao 2013 cursa estudos de pintura na Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), de Vigo. Ademais de ser un dos coautores do Piñeiral Castrexo - intervención artística sobre as cortizas de varios piñeiros, reproducindo varios petróglifos localizados no monte Santa Trega-, no Puntal (Camposancos), e unha persoa namorada de A Guarda, por onde transita como un veciño máis da nosa vila, que tamén é a súa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario