BALONMÁN
O CLUB BALONMÁN ATLÉTICO GUARDÉS PRESENTOU SEUS EQUIPOS PARA A TEMPADA 2022/23
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Na noitiña de onte, o Club Balonmán Atlético Guardés fixo á presentación dos seus equipos para a tempada 2022/23. O evento, que tivo lugar no auditorio de San Bieito, contou coa asistencia do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; da concelleira de Deportes Mª Montserrat Magallanes Álvarez; varios membros da corporación municipal guardesa, o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez Díaz, e o delegado provincial de Deportes, da Xunta de Galicia, Daniel Benavides Alonso.
Asemade, tamén estiveron membros das xuntas directivas e asociados da Organización de Palangreiros Guardeses (ORPA.GU.); da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro - que lles fixeron entrega as xogadoras (agás unha que se incorporará nos vindeiros días) e técnicos do equipo senior, dunhas camisetas para que as leven por todos os lugares a onde vaian , e da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia, así como representantes das entidades que copatrocinan ao Club Balonmán Atlético Guardés.
O acto - que foi presenciado en vivo por unha representación dos afeccionados - entre eles membros da pena O Inferno de A Sangriña - e da veciñanza de A Guarda e súa contorna, así como mediante transmisión en directo pola canle de YouTube do Club Balonmán Atlético Guardés -, tivo como principal motivo á presentación dos diferentes equipos e técnicos do club.
Nas diferentes intervencións, tanto das xogadoras do primeiro equipo como do adestrador - Abel González Colorado - das "atadeiras da Sangriña" - que nesta tempada será a denominación xenérica das xogadoras, en homenaxe as atadeiras de A Guarda, representadas a día hoxe, polas mulleres da Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia, que onte recibiron de mans de José Manuel Silva Vicente, xerente do Club Balonmán Atlético Guardés, un agasallo en recoñecemento a seu labor profesional-; como da capitana Marisol Carratú - acompañada das outras dúas compañeiras (Patricia Lima e Carla Gómez) que compartirán esa responsabilidade -, e mesmo do presidente do club, Jesús López González, fíxose un chamamento a afección para apoiar ao equipo, que nesta tempada 2022/23 terá que xogar seus encontros como local, noutra poboación da comarca, ata que rematen as obras de reforma e ampliación do pavillón municipal de A Sangriña.
No transcurso da presentación tamén se informou que o club dispón dunha oficina - ubicada no baixo dun inmoble sito en Chan de Conde, fronte a igrexa de San Bieito - para xestionar os carnets para esta nova tempada, na que como ben di o retrouso da cantiga "Terra", que interpretan As Tanxugueiras "(...) Non hai fronteiras". E temos a completa certeza de que na vindeira singradura, a afección do Club Balonmán Atlético Guardés vai responder como sempre o fixo, e se cadra, incluso máis.
Hai ilusión - díxoo o adestrador Abel González, que recoñeceu que seu predecesor José Ignacio Prades, tamén presente no acto de onte, deixou o listón moi alto -, hai retos, hai equipo, hai afección.
Máis que nunca o nome de A Guarda vai soar nos polideportivos da península ibérica e tamén por Europa adiante.
E non soio iso, as cores da primeira equipación do primeiro equipo son as mesmas que as da bandeira - polo de agora oficiosa - do noso pobo. Como dixo Carratú "(...) será como a nosa segunda pel (...)". Un motivo máis - e non menor - de identificación do equipo coa vila de A Guarda.


Ningún comentario:
Publicar un comentario