A GUARDA CONTARÁ CUN PAVILLÓN POLIDEPORTIVO MÁIS ACCESIBLE, SEGURO E MODERNO
GRAZAS AO CONVENIO ENTRE A XUNTA DE GALICIA E O CONCELLO, POR PRETO DE 2 MILLÓNS DE EUROS
O Consello da Xunta de Galicia acaba de autorizar o acordo polo que se levarán a cabo as obras de reforma do pavillón polideportivo da Sangriña, co obxectivo de que siga sendo unha instalación deportiva de referencia na comarca do Baixo Miño
Infogauda / A Guarda
O Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión deste xoves día 21 de xullo de 2022, aprobou o convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de A Guarda para acometer a execución das obras de reforma e ampliación do pavillón municipal da Sangriña, cun investimento total de preto de 2 millóns de euros (1.870.667,53 euros). Neste sentido e a teor do acordo autorizado, a Secretaría Xeral para o Deporte achegará o 26,73% da totalidade do importe (500.000 euros), mentres que o Concello de A Guarda achegará o restante 73,27% (1.370.667,53 euros), dos cales 760.994,79 euros proveñen de fondos propios do concello en relación co exercicio orzamentario de 2022 e os restantes 609.672,74 euros en relación co convenio de colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra.
As obras - xa iniciadas no mes de xuño - contarán con catro vías de actuación que serán as obras de reforma interior das instalacións de apoio á actividade deportiva (vestiarios, aseos, almacéns, cuartos de instalacións, cantina, ampliación da pista de xogo, mellora das instalacións eléctricas, ACS e sistemas contra incendios, sistemas de renovación de aire e un grupo electróxeno); a ampliación dos corredores para a mellora das condicións de accesibilidade; a ampliación e mellora da zona do público (aumentando a capacidade nun 48%, ata os 700 asistentes); así como a dotación ao polideportivo dunha imaxe exterior homoxénea, deseñada conforme os criterios de eficiencia enerxética.
O pavillón polideportivo da Sangriña, debido a súa situación xeográfica e estratéxica, pertence ao concello máis meridional da provincia de Pontevedra, na fronteira con Portugal, e é un centro deportivo de referencia na comarca do Baixo Miño, polo que é de especial interese para a Secretería Xeral para o Deporte responder á crecente demanda dos servicios deportivos da poboación e dotalos de instalación confortables, seguras, accesibles e que permitan potenciar o deporte base e a vida saudable non só dos case 10.000 habitantes de A Guarda, senón dos vecinos de toda a comarca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario