29 de xuño de 2022

A GUARDA

POSICIÓN DO BNG SOBRE AS OBRAS NA PRAZA DA IGREXA DE SANTA MARÍA  


Foto do estado actual do petróglifo na rúa Agustín Nandín Lomba


BNG / A Guarda

 O BNG está a favor de todas aquelas humanizacións que sirvan para mellorar a vida da veciñanza. 

 Chamarlle humanización a unha obra que dificulta o paso de vehículos esenciais (bombeiros, ambulancias, etc)  ou incrementa barreiras para o acceso a comercios e vivendas  é cando menos discutíbel.  

 O expediente núm.: 2020/1687 da Dirección Xeral de Patrimonio sobre as obras que realiza o Concello da Guarda no entorno da Igrexa no seu apartado 25 di: “Para unha correcta revalorización do petróglifo deberíase considerar destapar unha superficie máis ampla da rocha sobre a que está gravado e recuperalo integrado nun espazo de zona verde que podería funcionar como elemento disuasorio dos vehículos”.   

 No apartado 26 o mesmo expediente dí: “A proposta enche e satura o espazo de mobiliario, que tamén supón un obstáculo para a apreciación dos bens do patrimonio cultural.  Disporíanse moitos bancos, cando xa hai numerosos bancos corridos na contorna. Unhas pequenas xardineiras en continuidade con estes, levarían a un axardinamento estraño da contorna. Non se trata dunha mínima intervención xa que se dispoñen moitos elementos, moitos máis dos que pode admitir este espazo. Este é o punto clave. Énchese o espazo de elementos para que non aparquen os coches. Substitúense os coches por mobiliario, pero o espazo seguiría ateigado”.  

 No apartado 27. O Consello Asesor dos Camiños de Santiago, en xuntanza do 22.12.2020,  emite un ditame desfavorable ao solicitado, entendendo que só sería compatible a actuación se se reduce a proliferación de elementos de mobiliario e xardinaría e se desafoga ambientalmente o espazo inmediato ao petróglifo cun tratamento natural e respectuoso co elemento.  

 O expediente acaba concluíndo que para ter un informe favorable  “a execución das obras teñen que adaptarse as condicións recollidas nos puntos 25, 26 e 27 dos antecedentes e consideracións técnicas desta resolución”.  

 Desde o BNG entendemos que a intervención na praza da Igrexa do grupo de goberno do PSOE  incumpre os puntos 25, 26 e 27 da resolución de Patrimonio dunha maneira evidente.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario