Denuncian que a empresa IKF das Cachadas (A Guarda) está a deslocalizar funcións e vén de despedir catro técnicos/as
Como consecuencia desta decisión, o persoal que continúa na compañía vese obrigado a facer xornadas de até 12 horas diarias
Infogauda / A Guarda
A CIG-Construción de Vigo denuncia que a empresa Imerys Kiln Furniture (IKF), con fábrica en As Cachadas (A Guarda) “está a deslocalizar funcións a outras zonas do Estado español e de Europa e vén de despedir catro técnicos/as, o que obriga o persoal que permanece na compañía a facer xornadas de até 12 horas diarias. Os afectados reclamarán xudicialmente a nulidade das rescisións de contrato, mentres que dende a central sindical non descartan promover a convocatoria de protestas.”
A dirección de IKF argumenta causas organizativas e de produción para xustificar os despedimentos obxectivos, todos eles entre o persoal técnico de distintos departamentos, pero a CIG denunciará diante da Inspección de Traballo as “xornadas abusivas” de até 12 horas diarias que padece o persoal técnico que continúa na empresa como consecuencia da marcha destes operarios.
Dende a central sindical sosteñen que “se trata dun proceso de deslocalización de funcións cara a outras zonas do Estado español e de Europa que está a levar a cabo a transnacional francesa Imerys Kiln Furniture (IKF). De feito, hai poucos anos na empresa había até 20 técnicos/as, quedando apenas sete na actualidade tras os despidos executados nas últimas semanas.”
Ademais critican que “a compañía opte por despidos obxectivos para aforrar nas indemnizacións, mentres que noutras empresas do grupo situadas en distintos países europeos os afectados/as por despidos foron compensados con cantidades moi por enriba do que establecen as respectivas lexislacións laborais.”
Xulio Vicente, da CIG-Construción de Vigo, critica “que IKF non ofrecese sequera a posibilidade de recolocar os traballadores noutros postos, cando se trata de empregados con entre 15 e 30 anos de antigüidade na compañía. Os afectados xa presentaron denuncia no xulgado para reclamar a nulidade dos despidos e a empresa non se presentou ao acto de conciliación no Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC), mentres que dende a central sindical non desbotan promover a convocatoria de mobilizacións por parte do comité (4 delegados/as da CIG e 1 de CCOO).”

Ningún comentario:
Publicar un comentario