BALONMAN
DHF
O Atlético Guardés 2022/23 arrinca en casa fronte ao Granollers
O conxunto miñoto recibirá ao vallesano o 3 de setembro para comezar a Liga Guerreras Iberdrola
O último partido da liga regular, o 15 de abril, de novo en casa, fronte a Costa do Sol Málaga
Os derbis contra o Porriño serán o 26 de novembro e o 15 de marzo
Redacción / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés xa coñece a súa folla de roteiro para a singradura 2022/23 na que se vai a enrolar a partir do sábado día 3 de setembro. En pouco máis de dous meses comeza a nova Liga Guerreras Iberdrola de 12 equipos e play-offs post tempada e o conxunto miñoto empezará como local fronte a un vello coñecido: o KH7 Granollers.
O equipo de A Guarda viuse as caras co vallesano tres veces o ano pasado. Unha vitoria ligueira na Sangriña e unha derrota en Granollers, ademais do triunfo guardés nos cuartos de final da Copa da Raíña no Donostia Area de San Sebastián. Será, pois, unha pedra de toque de nivel nada máis comezar, posto que a escuadra catalá finalizou en sétima posición, ao bordo da zona europea que pechou o Atlético Guardés co seu quinto posto.
A estrea da nova tempada non poderá ser na Sangriña, inmerso en pleno proceso de remodelación. O club miñoto está a traballar en atopar unha sede para xogar de local mentres dure a obra, cunha opción bastante avanzada e que marcha por bo camiño.
O último partido da tempada regular será tamén en casa fronte ao Costa do Sol Málaga. Ademais, os derbis contra o Conservas Orbe Rubensa Porriño serán o 26 de novembro, na xornada 7 e no pavillón municipal porriñés; e o 15 de marzo, na xornada 18 e, presumiblemente, na Sangriña.
Unha vez finalizada a liga regular disputaranse os play-offs, gran novidade deste curso. Cruzarán ao primeiro e ao oitavo na batalla final polo título mentres que, por outra banda, os catro últimos xogarán un play-down para definir as prazas de descenso.
A post-tempada comezará o 29 de abril e finalizará o 31 de maio. Concretamente, establécese a disputa dos cuartos de final a dobre partido: a ida o 29 e 30 de abril e a volta o 6 e 7 de maio. A partir de aí, os equipos clasificados deben afrontar unha eliminatoria de semifinais ao mellor de tres partidos, gozando neste caso o conxunto mellor clasificado na liga regular do privilexio de xogar o segundo e o hipotético terceiro compromiso en casa. Formato que se conserva para o choque final polo título, ao mellor de tres partidos, baixando o pano da tempada 2022/2023 entre semana, o 30 ou 31 de maio, no caso de que todo se decida no terceiro compromiso. Isto, que dubida cabe, asegura unha recta final de curso absolutamente vibrante.


Ningún comentario:
Publicar un comentario