22 de maio de 2022

OPINIÓN

Editorial

ONDE ESTÁ O DEREITO A UNHA VIVENDA?

Vista parcial de A Guarda desde o monte Santa Trega
Foto: Infogauda


Un dos dereitos - e tamén unha das necesidades - fundamentais dos seres humanos é o acceso á vivenda, ben sexa en alugueiro ou en propiedade. Na primeira opción debera ser a un prezo razoable, non soio de mercado, senón en función da renda dispoñíbel da persoa - ou da unidade familiar - que tenta - lexítimamente -, acceder ao desfrute dunha vivenda digna para sí e para os seus.
 
 Para as persoas de poder adquisitivo medio ou alto, ou para familias nos que hai máis de un salario, o acceso a vivenda en propiedade cecais non conleve un esforzo económico equiparábel, ao das persoas ou unidades familiares onde a renda per cápita é inferior. Iso é unha obviedade. Con todo, os prezos tanto de vivenda nova como usada, non fan ningún tipo de distinción. É iso é unha realidade.
 
 Na Constitución Española, no "(...) Título I. De los derechos y deberes fundamentales Capítulo tercero. De los principios rectores de la política social y económica",Artígo 47 proclama:

"Todos los españoles tienen derecho a disfrutar de una vivienda digna y adecuada. Los poderes públicos promoverán las condiciones necesarias y establecerán las normas pertinentes para hacer efectivo este derecho, regulando la utilización del suelo de acuerdo con el interés general para impedir la especulación. La comunidad participará en las plusvalías que genere la acción urbanística de los entes públicos (...)".
 
 Ese dereito constitucional, é un - entre outros - que entra en colisión permanente coa realidade. Dito doutro xeito, é unha verdadeira anomalía, porque ese dereito constitucional - Todos los españoles tienen derecho a disfrutar de una vivienda digna y adecuada - vése truncado por moitos e diferentes, intereses e motivos. Un deles é a falla de oferta suficiente de vivendas en aluguer a prezos accesibles para as economías máis modestas, xa sexan estas de persoas mozas ou maiores, xa que o mercado de vivenda de aluguer - polo menos no concello de A Guarda -  é limitado e limitante. Limitado pola escasa oferta de vivendas en situación de seren alugadas ao longo de todo o ano. E limitante, porque os importes dos alugueiros non facilitan o acceso a vivenda a persoas e/ou familias de rendas baixas.
 
 Esas circunstancias non parecen estar nas axendas políticas dos partidos con representación municipal. E non soio a día de hoxe, senón desde fai décadas.
 
 Está perfectamente acreditado que o Concello de A Guarda non ten un Plan Municipal de Vivenda. Nin tampouco existe unha preocupación por esa cuestión, por parte dos representantes da cidadanía.

 E dito sexa de paso, tampouco vemos que á veciñanza amose públicamente súas inquedanzas e reivindicacións, todo hai que decilo. E así nos vai.

 En todo caso, a vista está que na Guarda hai moitos anos que non se constrúen vivendas de prezos protexidos, sexan estas de promoción pública ou de promoción privada. Esa carencia de oferta dese tipo de vivendas é unha das causas - entre outras varias - polas cales A Guarda ten o censo poboacional que ten. E iso debera espolear tanto ao grupo municipal de goberno como aos grupos municipais da oposición a poñer en marcha un Plan Plurianual de Vivendas, no que a Xunta de Galicia e o Concello de A Guarda, deben ir da man, para tentar paliar a situación actual - que vén de anos precedentes - e nun prazo aceptábel, correxila.
Non facelo, despreocupándose das persoas, en xeral, e de xeito máis urxente, das que carecen dunha vivenda a un prezo razoábel, ademais de ser claramente unha actitude políticamente impresentable - por non decir indecente - e insolidaria, vai contribuir ainda máis a que A Guarda continúe por un derroteiro que non é o máis axeitado para o benestar e o progreso da cidadanía. 

 Urxe correxir a situación actual, e polo tanto non valen excusas. Hai que poñerse máns á obra. E canto antes.

 Infogauda

Ningún comentario:

Publicar un comentario