21 de maio de 2022

CULTURA

O secretario xeral de Cultura inaugurou a mostra ‘O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra’ no Museo do Mar de Galicia 

A Xunta de Galicia achega a Vigo a beleza e a historia do Camiño Portugués a través dunha exposición con imaxes de 42 fotógrafos do último século e medio  

Tras congregar máis de de 21.000 visitantes na Cidade da Cultura de Galicia, ‘O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra’ poderá visitarse no Museo do Mar de Galicia ata o vindeiro 4 de setembro dentro do programa de itinerancias 


O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou onte no Museo do Mar de Galicia O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra

Fotos:X.G.



Infogauda / Vigo

 O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou onte no Museo do Mar de Galicia O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, unha exposición que se asoma, a través de 120 fotografías do século XIX ao XXI, ás realidades, paisaxes e patrimonio da Ruta Xacobea que une as cidades do Porto e Santiago de Compostela. O proxecto propón un diálogo entre a fotografía do pasado e a do presente, ao tempo que brinda a oportunidade de reflexionar sobre o que permanece inmutable e o que se transforma, construíndo unha memoria colectiva do Camiño. 

 Na mostra poden verse fotografías históricas do barrio do Berbés, a rúa do Príncipe ou García Barbón, tiradas no primeiro terzo do século XX pola Casa Loty, Jaime Pacheco ou o fotógrafo alemán Otto Wunderlich, quen retratou como ninguén a vida, xentes e paisaxes da España dos anos 20. A eles súmanse olladas contemporáneas desde a bisbarra viguesa, como as que nos achegan Carla Andrade, Eva Díez, Roberto de la Torre, Keila Pousa, Verónica Vicente ou Blas González.




 Comisariada por Lucía Laín, a mostra chega á cidade de Vigo tras ser visitada por máis de 21.000 persoas na Cidade da Cultura de Galicia, onde pechou as súas portas o pasado mes de abril. Poderá verse no Museo do Mar, con entrada de balde, ata o 4 de setembro e a continuación viaxará á vila de Tui, outro dos lugares que protagonizan o propio percorrido en imaxes da exposición.

 A itinerancia de O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra ao Museo do Mar de Galicia enmárcase nos obxectivos do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, que se propón levar a programación do Gaiás a centros culturais de toda a comunidade.

 O representante da consellería de Cultura destacou no acto de inauguración o xeito en que O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra “nos sorprende cunha mirada diferente, convidándonos a redescubrir unha ruta tan fotografada cos ollos de quen a mira por vez primeira”. Salientou tamén o traballo de selección realizado pola comisaria da mostra, “fiando un magnífico relato a través da ollada de grandes figuras da arte fotográfica das dúas beiras do Miño, e nun delicado equilibrio entre imaxes históricas e contemporáneas, e entre fotógrafos consagrados e emerxentes, de procedencias diversas, pero cun denominador común: ter transitado polos sendeiros desta ruta”. Así, a escolma inclúe obras do Premio Nacional de Fotografía Juan Manuel Castro Prieto, Artur Pastor, Nicolas Muller, Guedes, Carmenchu Alemán ou Emilio Biel, entre outros moitos.

 O acto de apertura contou ademais coa participación da comisaria da exposición, Lucía Laín; a directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez e a directora do Museo do Mar, Marta Lucio.

Destacados arquivos e coleccións

 O traballo de diferentes entidades, asociacións, colectivos e particulares implicados na recuperación do patrimonio fotográfico a unha e a outra beira da Raia foi tamén destacado por Anxo M. Lorenzo, que agradeceu “o seu inestimable labor de catalogación, documentación e conservación, e tamén o seu esforzo e compromiso na preservación da nosa memoria visual: é grazas a eles que hoxe podemos volver andar estes camiños”, remarcou.

 Neste sentido, a mostra inclúe fotografías pertencentes aos Arquivos Municipais do Porto e de Lisboa, ao Centro Portugués de Fotografía, ao Instituto do Patrimonio Cultural de España, á Colección Ana Muller do Archivo Regional de la Comunidad de Madrid, ao Arquivo Fotográfico Pacheco do Concello de Vigo, ao Arquivo José Suárez, ao Museo de Pontevedra ou o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, entre outros.

A comisaria: Lucía Laín

 Historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballou como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e hemerográficos. Na actualidade é unha experimentada documentalista que comisariou máis de 12 exposicións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario