11 de maio de 2022

CULTURA

A PROVINCIA DE PONTEVEDRA EXHÍBESE ANTE O CINEMA DE EEUU COMO O MELLOR PLATÓ DE RODAXES 

As produtoras e estudos norteamericanos amosaron un grande interese na oferta conxunta de costa e interior e tamén nas vilas mariñeiras, nos viñedos a pé do mar e aldeas abandonadas en bosques centenarios como elementos máis singulares 


Participantes na xornada “Focus on USA”
Fotos: D.PO.

Infogauda / Sevilla

 “Un escenario de rodaxes inmellorable”. Unha provincia conectada co mundo, con espazos de alto valor paisaxístico e monumental, cunha interesante combinación de costa atlántica con acantilados, rías e praias de área fina con paisaxes verdes de interior que permiten atopar en poucos quilómetros de distancia excelentes localizacións constituíndo así un inmellorable escenario de rodaxes. Estes  foron algúns dos elementos nos que a Deputación de Pontevedra fixo hoxe fincapé na xornada “Focus on USA”, que celebra a Spain Film Commission en Sevilla coas principais produtoras e estudos cinematográficos de Estados Unidos da talla de Amazon, HBO, Netflix, NBC Universal, Paramount, Warner Bros, Sony Pictures, MGM Studios ou Elefantec Global. As produtoras estadounidenses mostraron tamén interese nas vilas mariñeiras e aldeas abandonadas no medio de bosques centenarios, ao consideralos elementos singulares que diferencian a nosa provincia doutros territorios estatais.


Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación de Pontevedra, nun momento da súa intervención 

 No Real Mosteiro de Santa Clara de Sevilla, a directora de Cultura da Deputación de Pontevedra, Paula Cabaleiro, explicou tamén na súa intervención os múltiples escenarios e posibilidades de toda a provincia como o seu clima suave, excelente para rodaxes exteriores dende abril ata novembro; pazos e castelos con xardíns de Excelencia; as illas con inigualables espazos naturais; pontes históricas na fronteira con Portugal que atravesan o río Miño; adegas e extensións de viñedos a pé de mar; cascos históricos para escenas urbanas; instalacións industriais e navais; xacementos arqueolóxicos e o seu importante patrimonio, sobre todo do Románico. Para apoiar os recursos e espazos empregáronse imaxes e exemplos de rodaxes realizadas xa na provincia como a serie “Un asunto privado” de Amazon Prime Vídeo, nominada a Ninfa de Ouro do Festival de Monte Carlo; “Ons” ou “A illa das mentiras”, de Filmin; e “Infesto”, de Netflix.

 A delegación da Deputación de Pontevedra tamén informou de todas as facilidades que se prestan dende a Pontevedra Provincia Film Commission, como a colaboración cos pequenos concellos na tramitación de rodaxes e permisos para axilizar as autorizacións para as producións audiovisuais; a axuda na procura da localización idónea de espazos ou reserva de hoteis; ou a posta a disposición de forma gratuíta de edificios históricos da propia Deputación para as rodaxes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario