30 de maio de 2022

A GUARDA

Segundo afirma o portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda

“PSOE E  PP  QUEREN DILAPIDAR O PATRIMONIO MUNICIPAL NA FINCA DE FÍNOLA”  

Anxo Lois Baz Vicente (voceiro do Grupo Municipal do BNG): “O  BNG  apoiará á veciñanza na mobilización para paralizar o despropósito que pretenden levar adiante en Fínola”   


Anxo Lois Baz Vicente, portavoz do Grupo municipal do BNG na súa intervebción na sesión plenaria do pasado venres día 27 de maio de 2022

Infogauda / A Guarda

  O pasado venres día 27 de maio, a Corporación Municipal do Concello de A Guarda, presidida pola alcalde Antonio Lomba Baz, celebrou sesión plenaria ordinaria. Entre os asuntos de convocatoria, no punto 8 figuraba: Expediente 2826/2020. Proposta Alcaldía de aprobación inicial da modificación puntual número 7 do Plan Xeral de ordenación do Concello da Guarda.

  A devandita proposta deu lugar a que o portavoz do Grupo Municipal do BNG levase preparada unha ampla argumentación en contra, poñendo en cuestión os criterios indicados na proposta, e ao mesmo tempo indicando o procedimento que seu grupo considera máis axeitado para transformar á Finca de Fínola - propiedade do Concello de A Guarda e situada en pleno centro da vila, a carón da Alameda e do Centro Cultural  -, nunha superficie dotacional, na que poder ubicar, como avanzou o alcalde Antonio Lomba Baz, infraestructuras necesarias, como por exemplo un auditorio municipal, entre outras posibles. 

 O devandito predio - localizado no polígono 24, parcela 296 -, ten unha superficie catastral de 1.993 m2, lindando coas rúas Rosalía de Castro e A Coruña, respectivamente, así como con propiedades particulares que forman parte do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) nº 5, no cal está incluído o antigo Estadio del Tecla.

 Logo de intervir cada portavoz dos diferentes grupos municipais, pasouse a votación da proposta, votando en contra Celso Rodríguez Fariñas, portavoz do Grupo Municipal de Converxencia Galega, e os concelleiros/as do Grupo Municipal do BNG. Con todo, a proposta quedaría aprobada cos votos a favor dos concelleiros/as dos grupos municipais do PP e do PSOE, 6 e 5 votos, respectivamente, que totalizan 11 votos de un total de 17.

O acordo plenario tomado polo goberno local do PSOE co apoio do PP para disgregar a Finca de Fínola do plan especial 5 (PERI nº 5), que abarca o antigo campo de fútbol de Santa Trega, a Finca de Fínola e outras propiedades de menor entidade, impediría desenvolver esta área que é crucial para o futuro da Guarda, segundo manifestou o portavoz do BNG no concello de A Guarda, Anxo Lois Baz Vicente.  

 O portavoz nacionalista, asegurou que “A Guarda precisa terreo público para equipamentos, zonas verdes e aparcamentos, e desenvolvendo o PERI nº 5, tal como permite a lei, faría que o Concello da Guarda conseguise eses terreos gratis, en lugar de desperdiciar a oportunidade”.   

 Anxo Lois Baz lembra que “a superficie total desta área, en pleno centro da Guarda, é de case 18.000  m². Iniciar o seu desenvolvemento permitiríalle ao Concello dotarse como mínimo de máis de de 2.700 m² para zonas verdes e de esparexemento, e igual para zona de equipamentos, ademais de aparcamentos en superficie e vivenda de promoción pública”.  

 Asemade, Anxo Lois Baz anunciou que “o BNG chamará  a veciñanza da Guarda a iniciar un proceso de alegacións individuais para paralizar o despropósito que pretenden levar adiante en Fínola tanto o PSOE  como o PP.”  

 Na súa intervención no Pleno ordinario do pasado venres, o portavoz nacionalista acusou  o goberno do PSOE e ao PP de “querer levar adiante unha nova chapuza urbanística que condicionaría a ordenación integral da área, ademais de persistiren  en dilapidar o  patrimonio público iniciado no pasado mandato coa compra de Fínola  aos bancos, na que malgastaron máis de 300.000 euros“.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario