30 de maio de 2022

A GUARDA

Concerto do grupo Xistra, de Coruxo, e actuación do alumnado do Conservatorio de Música 

No acto, que terá lugar no Centro Cultural, este mércores día 1 de xuño, ás 19:30h, tamén será presentado en conferencia o libro-DVD “Irmáns Flores os gaiteiros de Novás” de Xerardo F. Santomé.  




Infogauda / A Guarda

 O Centro Cultural de A Guarda acollerá este mércores día 1 de xuño  ás 19:30h, unha actividade organizada dende o Conservatorio de Música de A Guarda e na que ademais de actuacións do alumnado dese centro, será presentado o libro-DVD “Irmáns Flores os gaiteiros de Novás”, de Xerardo F. Santomé e Xosé Miguélez, dedicado aos mestres gaiteiros Emilio e José Flores Costas.

 O labor dos irmáns Flores forma parte do patrimonio cultural e inmaterial do Rosal, en particular, e de Galicia, en xeral. Foron afamados gaiteiros por teren participado en cantas festas e romarías se fixeron no Baixo Miño desde a década dos 1940, e admirados por cantos e cantas alumnos e alumnas de música tradicional pasaron polas súas aulas, sen preocuparse de que lugar ou concello fosen. Asemade, a memoria musical dos irmáns Emilio e José, non pode esquecerse que foron creadores de orquestras, murgas, charangas e cuartetos tradicionais e incluso integrantes de bandas de música populares.  

 O evento consistirá na presentación do libro que, co mesmo nome, foi editado pola Asociación Gaiteiros da Xistra, en xuño de 2021. Ademais o grupo Xistra, de Coruxo ofrecerá un concerto baseado no repertorio dos protagonistas e acompañará a un colectivo de alumnos e alumnas do conservatorio na interpretación conxunta dalgunhas das súas pezas máis senlleiras.  


Grupo Folclórico Xistra, de Coruxo

 A Asociación Folclórica Gaiteiros da Xistra foi creada en 1994 para dar amparo legal e visibilidade aos traballos de investigación musical baseado en traballos de campo que xa se desenvolvían dende principios da década de 1980, difundidos polo seu grupo máis senlleiro Xistra, de Coruxo dende a súa fundación en marzo de 1988. 

 Para unha mellor comprensión da metodoloxía do seu labor resulta imprescindible definir e entender o concepto “Xistralia” como un país que abrangue o seu espazo de traballo, pois abrangue, especialmente, o sur da provincia de Pontevedra e a zona do Alto Minho portugués por entender que forman unha única cultura. Ao longo destes anos, a asociación ten desenvolvido multitude de traballos de campo na recollida de músicas e costumes que noutrora formaron parte da vida e do divertimento dos nosos devanceiros e que viron a luz pública a través da edición de proxectos aproveitando todos as canles posibles de difusión.  

 Asemade, ten espallado moitos destes proxectos actuando en festivais e concertos tanto a nivel autonómico, como estatal e incluso internacional (Bretaña, Occitanía, Chequia, Croacia, Portugal, Languedoc e Alemaña en diversas ocasións), organizado encontros internacionais de tipo didáctico con outros lugares onde a gaita forma parte do folclore máis representativo e colaborado con outras entidades deses mesmos ámbitos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario