31 de maio, Día Mundial sen Tabaco
“Protéxete do tabaco”
Érguete Baixo Miño / A Guarda
O 31 de maio celébrase o Día Mundial Sen Tabaco coa finalidade de recordar e sensibilizar á poboación da importancia de reducir e/ou abandonar o consumo de tabaco.
O tabaco é unha droga estimulante do sistema nervioso central. Un dos seus compoñentes é a nicotina que ten unha alta capacidade aditiva e é a causa polo que o seu consumo produce dependencia.
Durante a combustión do tabaco prodúcense máis de 4.000 produtos tóxicos diferentes. Entre eles, destacan pola súa perigosidade e polas enfermidades que poden asociarse os seguintes:
· Alcatráns: responsables dos distintos tipos de cancro.
· Monóxido de carbono: favorece as enfermidades cardiovasculares.
· Irritantes (fenilos, amoníacos, ácido cianhídrico): responsables de enfermidades respiratorias como a bronquite crónica e o enfisema pulmonar.
· Nicotina: causa a dependencia do tabaco. Ten unha vida media aproximada de dúas horas, pero a medida que diminúe a concentración en sangre, incrementase o desexo de fumar.
· Outros compoñentes: arsénico, cadmio, níquel, polonio 210, acetona e metanol, entre outras sustancias tóxicas.
Concienciar á mocidade do gran erro que supón iniciarse no consumo desta sustancia resulta crucial na mellora da calidade de vida das persoas e tamén no medio ambiente.
Queremos recordar a vital importancia que ten a prevención dende as propias familias, marcando pautas e servindo como modelo a seguir por parte dos fillos e fillas.
Dende Érguete Baixo Miño ofrecemos máis información de forma gratuíta e invitamos a todo o mundo a achegarse ás nosas instalacións ou chamar aos teléfonos 986 61 44 17 / 640 08 63 76 (WhatsApp)
Ningún comentario:
Publicar un comentario