13 de abr. de 2022

VIGO

A CIG convoca unha mobilización solidaria coincidindo co xuízo contra 5 sindicalistas pola ocupación simbólica de Barreras 

O estaleiro vigués presentou denuncia por coaccións contra o secretario comarcal da CIG e contra varios membros da federación de Industria  


Mobilización anterior do persoal de Barreras
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A Unión Comarcal da CIG de Vigo desenvolverá unha concentración solidaria coincidindo co xuízo contra os cinco sindicalistas denunciados pola dirección de Barreras por supostas coaccións tras a ocupación simbólica das instalacións do estaleiro para reclamar carga de traballo e unha solución á grave crise que atravesa a compañía. Na mobilización, que terá lugar este luns 18 diante do Xulgado de Instrución número 5 ás 9:30 horas -media hora antes do inicio da vista oral-, participará tamén o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.  

 Os acusados neste procedemento xudicial son o propio secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, o responsábel da CIG-Industria da comarca, Xulio Fernández, outros tres sindicalistas da federación e o ex delegado da central sindical no comité de empresa de Barreras, Rafa Pérez, que tamén foi despedido como represalia por unha acción reivindicativa na que nin sequera participou.  

 O seu despido, que foi recorrido nos tribunais, puxo en marcha a maquinaria solidaria da CIG, que organizou numerosas protestas para esixir a súa inmediata readmisión. Na última delas, celebrada a finais de decembro, o secretario comarcal da CIG denunciou que a decisión da empresa é unha “clara represalia” en contra da CIG pola súa posición esixindo unha solución industrial que garanta o futuro dun estaleiro “imprescindíbel” para o sector naval de Vigo.  

 “Quixeron silenciarnos porque lles incomodaba a nosa acción sindical firme en defensa do emprego e na esixencia de solucións de futuro. Quixeron amordazarnos para silenciar as nosas reivindicacións, que contrastan coa posición de mansedume e entreguismo que practica, desgraciadamente, a maioría sindical no comité”, lamentara daquela Gonçalves. 

 Para o representante sindical, a través do despedimento de Rafa a empresa buscaba impoñer o medo entre o persoal, "mais non o conseguiron. Moi ao contrario, agora teñen en fronte a primeira forza sindical en Vigo e en Galiza, que é a CIG". E avanzaba que "non imos permitir que a dirección de Barreras, a mesma que levou o estaleiro ao abismo da liquidación, impoña o medo e o terror para poder actuar con impunidade". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario