20 de abr. de 2022

O ROSAL

O Concello realiza na Portela novas probas coa cadeira todo terreo para sendeirismo inclusivo  

O veciño do Rosal, Manuel Sobrino Senra, realizou o percorrido ata os muíño do Folón acompañado dun equipo de 12 persoas   


Un equipo de 12 persoas acompañou ao rosaleiro Manuel Sobrino Senra (Manu) nun percorrido dende A Portela ata o miradoiro dos muíños do Folón, pasando pola capela de San Martiño

Fotos: C.O.R.



Infogauda / O Rosal

 O Rosal continúa dando pasos para converterse nun municipio accesible e inclusivo para todas e todos, tamén no desfrute da natureza e da contorna. Un equipo de 12 persoas acompañou ao rosaleiro Manuel Sobrino Senra (Manu) nun percorrido dende A Portela ata o miradoiro dos muíños do Folón, pasando pola capela de San Martiño, para continuar probando a Joëlette, unha cadeira todo terreo coa que as persoas con mobilidade reducida poderán realizar sendeirismo no municipio. “O obxectivo é crear un servizo permanente para que as persoas que o precisen poidan facer diferentes rutas de xeito programado acompañadas dun equipo de voluntarios e voluntarias”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 


Manuel Sobrino Senra (Manu) e algúns dos voluntarios participantes no percorrido, na contorna da ermida de San Martiño

 Nesta ocasión Manuel e o equipo de voluntarios e voluntarias saíron ás 09.00 horas dende A Portela para chegar de volta ás 13.00 horas, tras dúas paradas no camiño. A pesar da neboeira inicial que cubría o val a primeira hora da mañá, a medida que o día foi aclarando as e os excursionistas puideron gozar das impresionantes vistas da contorna. O obxectivo deste percorrido era experimentar as distintas posicións da cadeira nun terreo favorable para continuar aprendendo sobre o seu uso. A rexedora salienta que “a proba foi todo un éxito. Dende o Concello continuaremos facendo percorridos nos vindeiros meses para probar escenarios, subindo pouco a pouco a dificultade dos itinerarios”.  

 A adquisición desta cadeira todo terreo “é un paso máis cara a inclusión integral que comezamos co proxecto Cocreando Sociedade”, co que O Rosal trata de estreitar lazos entre o tecido asociativo, administración local e entidades que traballan a prol da diversidade para deseñar de forma conxunta estratexias e iniciativas inclusivas. 

 A cadeira conta soamente cunha roda e con dous elementos de agarre, un traseiro e un dianteiro. A persoa que a utilice debe ir acompañada de polo menos dúas persoas, xa que unha debe asegurar o seu equilibrio e a outra encargarse da tracción e da dirección.  

 A alcaldesa quixo agradecer a Manuel Sobrino o seu esforzo e dedicación e a todas e todos os voluntarios que participaron, Carlos, Pépix, Manolo, Leire, Miguel, Kiko, Marta, Moncho, Óscar, Sara, Julio e Ignacio, “que nos acompañaran neste novo fito para a accesibilidade no noso concello”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario