Orpagu conquista ao público de Alimentaria cos seus productos de pesca de anzol
• A Organización de Palangreiros Guardeses participou un ano máis neste evento internacional de referencia para os profesionais da industria da alimentación, onde mantivo xuntanzas con distribuidores de varios países como Francia, Dinamarca, Italia, Portugal e China.
• Orpagu realizou no amplio posto da Consellería do Mar, varias exhibicións gastronómicas para un mercado internacional que xa absorbe o 40% da súa produción.
Mar Bermúdez / Barcelona
Tras a suspensión da edición de 2020 pola pandemia, o Salón Alimentaria abriu esta semana de novo as súas portas en Barcelona con gran éxito de público, composto na súa maioría por profesionais da industria da alimentación. E foi ante este esixente auditorio onde Orpagu volveu a conquistar os padais máis esixentes e máis entendidos coas “Delicias de Anzol”, as súas conservas e outros produtos como as hamburguesas artesanais, elaboradas con materia prima de alta calidade como o atún ou o peixe espada capturado pola súa frota.
As exhibicións gastronómicas nas que participou a organización obtiveron unha excelente resposta por parte dos visitantes, que posteriormente regresaron ao espazo da organización guardesa, situado dentro do posto da Consellería do Mar, para solicitar máis información.
Representantes de empresas distribuidoras de Francia, Dinamarca, Italia, Portugal e China xa mostraron o seu interese por traballar cos produtos de Orpagu, que contan con garantía ambiental e unhas elaboracións modernas, adaptadas ao padal e ás necesidades do consumidor actual.
Orpagu volveu a conquistar os padais máis esixentes e máis entendidos coas “Delicias de Anzol”, as súas conservas e outros produtos como as hamburguesas artesanais
As vigas mestras desta liña de produción foron ben recibidas e especialmente valoradas polos especialistas. As “Delicias de anzol” diríxense a un público obxectivo esixente coa calidade pero desexoso dunha presentación atractiva e moderna -como tacos, hamburguesas, lombos ou faragullas- e dunha preparación sinxela e rápida. Todos estes aspectos foron bazas principais para que Orpagu destacase dentro da caseta da Xunta de Galicia, onde compartiu espazo e obxectivos con outras 25 empresas e asociacións galegas do sector.
Orpagu estreou a imaxe destes novos produtos en outubro do pasado ano en Conxemar e xa paseou con éxito as súas conservas por varias feiras, entre elas as de Madrid e Milán. As “Delicias de Anzol” son a aposta de Orpagu para conquistar o mercado internacional, que agora mesmo xa supón máis do 40% das vendas. O obxectivo para este 2022 pasa por fidelizar os clientes de Estados Unidos, Dinamarca, Reino Unido, Suíza, Holanda, Portugal e Alemaña, e conquistar novos mercados como China para chegar a exportar o 60% da produción.
Ningún comentario:
Publicar un comentario