7 de abr. de 2022

TOMIÑO

Tomiño busca un deseño atractivo para a camiseta das Letras Galegas 2022  

A OMIX organiza un novo concurso no que premiará o enxeño, a creatividade e a promoción do idioma galego




Infogauda / Tomiño

 Un ano máis a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño quere conmemorar o 17 de maio con enxeño e creatividade arredor da lingua e literatura galega.

 Por este motivo convoca unha nova edición do CONCURSO DE DESEÑO DA CAMISETA do Día das Letras Galegas 2022. O devandito deseño será libre e aberto e valorarase que sexa atractivo, inspirado e que busque a promoción do uso e a normalización do idioma galego.

 A OMIX aclara que o deseño estará pensado para colocarse unicamente na parte dianteira da camiseta e terá que ser dunha soa cor a estampar sobre fondo branco.

 Como vén sendo habitual, todas as persoas que participen e envíen as súas creación, serán agasalladas cunha camiseta co modelo gañador serigrafiado. Ademais, a persoa autora da camiseta contará coa difusión da súa creación, tanto nas redes sociais, como nos diferentes medios de comunicación.

 “A nosa intención é plasmar nunha frase ou nun deseño gráfico/debuxo algo que defenda ou poña en valor a nosa lingua”, explica a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez. 

 A frase ou deseño gañador será serigrafado en 800 camisetas que serán repartidas, de balde, entre as persoas que participen nas actividades organizadas con motivo do Día das Letras Galegas.

 A data tope para enviar os deseños (ao correo electrónico
omix@tomino.gal) é o domingo 8 de maio.

 A persoa gañadora poderá escoller entre tres agasallos: Tableta Lenovo Tab M10HD con 2/32 e Android; Airpods de Apple, ou Altavoz Muse M1915DJ Party Box Trolley.

Ningún comentario:

Publicar un comentario