7 de abr. de 2022

VIGO

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PRESENTA A VERSIÓN EN PAPEL DA “PEQUENA ENCICLOPEDIA DA FOTOGRAFÍA (FRAGMENTADA)” DA ARTISTA CANGUESA ROSA NEUTRO 

Con este catálogo a creadora busca deconstruír a imaxe que durante a historia da arte se deu das mulleres e dos seus corpos en busca dunha visión igualitaria


O catálogo foi presentado pola presidenta Carmela Silva, acompañada da propia artista e da deputada Victoria Alonso
Foto: D.PO.

Infogauda / Vigo

 A mostra Pequena enciclopedia de fotografía (fragmentada) da artista canguesa Rosa Neutro -exposta entre xaneiro e marzo na sede da Deputación en Vigo- ven de materializarse nun volume que recolle unha serie de imaxes coa combinación de dous soportes como son a fotografía e a pedra para deconstruír a imaxe que durante toda a historia da arte se deu das mulleres e dos seus corpos. O catálogo foi presentado pola presidenta Carmela Silva, acompañada da propia artista e da deputada Victoria Alonso, quen destacaron as imaxes do libro, que amosan un novo xeito da creadora de construír unha peza artística a partir de pedras ou cascallos recollidos na rúa.

 A presidenta provincial puxo sobre a mesa que “a arte está orfa dunha ollada feminina e consideramos unha responsabilidade irrenunciable das administracións públicas impulsar proxectos coma este, que nos conviden a revisar o aprendido cunha mirada crítica e construtiva”. Do mesmo xeito, quixo deixar claro que con obras e exposicións como a de Rosa Neutro e outra morea de accións que a institución provincial ten levado a cabo nos últimos sete anos “desde a Deputación de Pontevedra estaremos sempre ao lado das artistas, novas e consagradas, para axudar a visibilizar o seu talento e dotar de referentes femininas ás novas xeracións que están hoxe formándose. É unha cuestión de xustiza”.  

 Rosa Neutro comezou con este proxecto en 2018 como un “xogo” no que se apropiou de imaxes e fragmentos doutros autores para construír un relato no que se amosa o xeito no que foron representadas as mulleres e os seus corpos nas artes, coa intención de deconstruír o aprendido a través das citadas obras. Así, a creadora segue a súa liña artística e continúa a indagar en cuestións que teñen que ver coa construción da identidade das mulleres, coa reconstrución da historia dende unha ollada feminista e coa superación dos estereotipos machistas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario