13 de abr. de 2022

DEPORTES

Máis de 200 nenos e nenas participan no X Torneo de Fútbol Infantil OROSALCUP  

O 15 de abril clubs da comarca disputarán a fase preliminar, mentres que o día 16 celebrarase a final con equipos da máxima categoría galega 


A alcaldesa e o concelleiro de Deportes do Concello do Rosal, con directivos da U.D. Ribera, na prfesentación do Torneo de Fútbol Infantil OROSALCUP, no Campo da Mata

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Estas datas de lecer, con motivo da Semana Santa, enchen de deporte O Rosal. Máis de 200 nenos e nenas participarán esta semana na décima edición do Torneo de Fútbol Infantil OROSALCUP, un evento deportivo organizado pola U. D. Ribera, en colaboración con Concello e que xa está consolidado como competición de referencia do fútbol base infantil no Baixo Miño e a nivel galego. “Dende o Concello queremos poñer en valor todo o traballo realizado no deporte base, tanto no fútbol como noutras actividades, porque cando os nosos nenos e nenas e a nosa mocidade practican deporte aprenden a traballar en equipo, disciplina ou a respectar as regras e aos seus compañeiros e compañeiras”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

 Os xogadores e xogadoras, nados en 2008 e 2009, van desfrutar desta cita tan sinalada que se disputará en dous días. Por unha banda, o venres 15 de abril celebrarase a fase preliminar, na que os clubs da zona intentarán facerse un sitio na final. Nestes encontros participarán a U.D. Ribera B, o Sporting Guardés, o Goián C.F. e o A.D. Tomiño.

 Por outro lado, o sábado 16 de abril o gañador da fase preliminar enfrontarase aos equipos da máxima categoría galega que visitarán O Rosal para disputar no Campo da Mata, un apaixonante torneo. Esta xornada contará coa participación da U.D. Ribera do Rosal, o Portero 2000 de Pontevedra, o Vila do Corpus de Ponteareas, o Bertamiráns C.F. coruñés, o Cidade de Ribeira C.F. da Coruña, o Pabellón de Ourense C.F. e o U.D. Ourense.

 A entrega de premios será a cargo das destacadas deportistas rosaleiras Lucía Ameal, Sara Álvarez, Noa Macías e Verónica Pérez.

 Nova relacionada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario