25 de abr. de 2022

A GUARDA

"Palabras como corpos prata", de Joaquín Cadilla Castro

O libro será presentado o sábado día 30 de abril, ás 18:00 horas, na Casa dos Alonso




Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Este abril  - Mes do Libro na vila de A Guarda - vai rematar con recendo de páxinas impresas que dan exquisito contido a libros de grato feitío. Proba do que decimos témola en "Palabras como corpos prata", de Joaquín Cadilla Castro, que será presentado na Casa dos Alonso (praza do Reló, nº 1) o sábado día 30 de abril, ás 18:00 horas. 

 O evento será con acceso libre ata completar aforo. 

 "Palabras como corpos prata", vén a ser á revelación intanxible da creatividade e do mérito poético de Joaquín Cadilla. 

 Para a maioría dos lectores este libro vai ser toda unha gozosa descuberta. Unha leda constatación do indubidable valor lírico de un autor que como se dun caderno de bitácora se tratase, rexistra en soporte físico íntimas reflexións en clave poética, agromadas en noites de vela, a bordo do pesqueiro onde traballa.

 Compre salientar que a valía deste autor de A Guarda, xa no seu día - no ano 2016 - non pasou desapercibida para o cualificado xurado do XXX Certame de Poesía Feliciano Rolán, organizado pola Agrupación Cultural Guardesa. De tal xeito que co seu poema "O patio", foi proclamado gañador do devandito certame.

 "Palabras como corpos prata" vai poñer negro sobre branco que Joaquín Cadilla, versificando, ten moito - e fermoso - que decirnos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario