12 de ago. de 2026

OIA

Oia, un enclave privilexiado para gozar da eclipse solar desde distintos puntos do municipio

    

Fonte: C. de O.

Infogauda/Oia 

 A costa de Oia conta con numerosos puntos ao longo do seu litoral de extraordinaria beleza desde os que se poderá observar a eclipse solar este mércores, 12 de agosto. Co obxectivo de facilitar a observación tamén desde o entorno do Mosteiro de Oia, o adro da igrexa permanecerá pechado ao tráfico de vehículos, permitindo que veciños e visitantes poidan desfrutar deste espazo durante o fenómeno.  

 Desde o Concello recoméndase ás persoas que queiran acudir ao adro que o fagan con antelación. Así mesmo, aconséllase encarecidamente levar gafas homologadas para a observación solar, xa que o Concello disporá dun número limitado de unidades para repartir até esgotar existencias.  

 Por motivos de seguridade e prevención, descartouse finalmente o Miradoiro da Pedreira como punto de observación.  

 A eclipse comezará a partir das 19:30 e alcanzará unha ocultación máxima de aproximadamente o 99% do disco solar arredor das 20:30 horas. Nunca se debe mirar directamente ao Sol, nin sequera durante o eclipse, sen protección axeitada; tampouco son válidas as gafas de sol convencionais, cámaras, prismáticos ou telescopios sen os filtros solares apropiados.  

 Recoméndase igualmente seguir as indicacións das autoridades, evitar desprazamentos innecesarios e escoller sempre espazos co horizonte despexado cara ao oeste, tendo en conta que o Sol estará próximo ao horizonte durante a fase máxima do eclipse.

Ningún comentario:

Publicar un comentario