12 de ago. de 2026

CULTURA

«España segue no limbo da ‘Eneida’: mentres haxa corpos nas cunetas, curaremos a ferida en falso» 

«Oxalá tirasen ‘chocolatinas’ en vez de bombas», comentaba Gabriel León nunha das cartas que mandaba á súa familia mentres estaba na batalla do Ebro. 


O debuxante Tyto Alba e a guionista María Castro Hernández, presentes no festival Viñetas desde o Atlántico da Coruña

Sonia Hermida/Xurxo Salgado/A Coruña

 Aquí donde estoy é unha novela gráfica de memoria histórica que nace do achado casual de 54 cartas reais escritas desde a fronte por Gabriel León, supervivente da «quinta do biberón». Nesta entrevista, a guionista María Castro Hernández e o debuxante Tyto Alba analizan o proceso creativo dunha obra editada por Astiberri que combina o humor vital do protagonista co cru relato da batalla do Ebro. Os autores, presentes no festival Viñetas desde o Atlántico da Coruña, repasan tamén as súas traxectorias previas —desde a literatura infantil e as biografías ata este proxecto—, debaten sobre a necesidade urxente de pechar as feridas históricas do país e avanzan os seus novos traballos sobre relatos de ficción e ecoloxía. 

P. Antes de nada, cómo chegades á historia de Gabriel León? 

María Castro: Sempre me interesou moito a historia. Teño un fillo que entón tiña uns 18 anos e estabamos vendo como se estuda a Guerra Civil en bacharelato, así que faciamos actividades xuntos. Unha amiga comentoume que tiña un tío avó que era supervivente da «quinta do biberón». El nacera en 1920, polo que en 2019 tiña xa 99 anos. Fun a Tarragona co meu fillo sen moitas esperanzas, pero atopamos a un Gabriel cunha memoria, cunha mobilidade e cunha saúde fenomenais. Alí foi cando a súa filla, Montse, sacou unha caixa con 54 cartas reais que Gabriel enviara desde a fronte. Nese intre vin que isto non podía quedar nunha simple lección para o meu fillo; asumín a responsabilidade de facer que o seu testemuño perdurase nun libro. 

P. É a primeira vez que traballades xuntos. Cómo xurdiu a conexión entre vós os dous? 

María: En 2019 fixemos unha curtametraxe documental de 22 minutos co material que tiña gravado. Eu tiña a idea de facer un libro, pero vía máis imaxes que unha novela convencional. Buscando ilustrador en Barcelona, unha rapaza que fixera unha versión curta de 10 páxinas para un premio díxome que un cómic longo a superaba, pero faloume de Tyto. Así nos puxemos en contacto. 

Tyto Alba: A min o tema da Guerra Civil sempre me interesou. Aínda que ao principio sempre desconfías de se o proxecto atopará editor e chegará a bo porto, a idea funcionou moi ben desde o principio. 

P: O camiño editorial non foi doado e mudastes case á metade do proxecto, non si? 

Tyto: Si, traballamos cunha editorial para a que este era o seu primeiro cómic e non sabían moi ben como funcionaba a distribución nin a prensa. Case co proxecto á metade, por problemas económicos, a cousa parou. 

María: Eu tentei negociar con Héloïse, editora de Astiberri. Foi brutal. Lembro que a mesma noite de Reis recibín un mensaxe seu dicindo que lera a historia, que lle encantara e que a sacaban adiante. Foi un auténtico agasallo de Reis. Con Astiberri todo funciona de marabilla; teñen unha distribución excelente. 

P: Cómo reaccionou Gabriel cando lle dixeches que iades contar a súa historia? 

María: Orixinalmente fun con meu fillo, que era delgadiño coma el a esa idade. Cando lle dixen que tiña 18 anos, a idade coa que a Gabriel o chamaron a filas para ir á batalla, el mirou para o meu fillo e díxolle de forma retranqueira: «Que saibas que eu non fun voluntario», coma dicindo «non sexas parvo, non te deixes quentar a cabeza coas historias de heroicidades». Tiña un sentido do humor moi vital, que, xunto coa súa curiosidade, o salvou psicoloxicamente do horror. Estaba en artillaría e pedíalle por carta á familia un manual técnico de morteiros de 81 mentres caían bombas ao seu redor. Ese foco e esa curiosidade illárono mentalmente do trauma. Tiña unha fortaleza incrible; lembro visitalo con 99 anos e dicirme que estaba pensando en volver a pintar. 

P. Ti tiveches a oportunidade de analizar o Gabriel soldado das cartas e o Gabriel xa ancián. Qué descubriches nese contraste? 

María: O Gabriel soldado era un neno. Nas cartas pedía que lle engraxasen a bicicleta ou dicía que oxalá en vez de bombas tirasen chocolatinas. Aliviaba o sufrimento da súa nai e irmás edulcorando o que vivía para evitar a censura e o drama. O Gabriel maior mantiña o humor, pero sentía a obriga de contar o horror. Ao contrario que outros superviventes, el si que relataba traumas directos, como unha execución ou a loucura dun capitán que saíu correndo da trincheira. Contábao mirándome fixamente, coma dicindo: «Isto pasou de verdade, cresme?». Aínda o estaba procesando. 

P. Tyto, cómo foi o proceso creativo para darlle vida ao personaxe no papel? 

Tyto: Foi doado porque tiña os brutos das oito horas de gravación do documental e moitas fotos da súa infancia e mocidade que a familia conservaba. Ao escoitalo falar, empapeime del. Ademais, ao ser unha historia en Cataluña, a súa forma de falar lembraba moito á dos meus avós, o que o facía moi próximo. Documentarse sobre a guerra é o habitual: uniformes, cores... Eu preguntáballe a María de que cor eran os pantalóns e ela dicíame que daba igual, que contabamos os recordos de Gabriel, non un libro de historia estrito sobre a batalla do Ebro. 

P. O título, Aquí donde estoy, vén directamente das cartas. Por qué non incluír «a quinta do biberón»? 

María: Esa frase era o lema que el usaba nas cartas para non revelar a súa posición en campaña. Falamos moito con Héloïse sobre o subtítulo. Fóra de Cataluña, onde o recrutamento da «quinta do biberón» foi masivo e moi consciente, moita xente na rúa non sabe o que significa; algúns pensan que é un equipo de fútbol. Por iso, a decisión editorial de Astiberri foi destacar a batalla do Ebro, que é universalmente recoñecible para calquera lector. 

P. A memoria histórica é o piar central de Aquí donde estoy. Por qué é tan necesaria hoxe en día seguir falando da memoria? 

María: O cómic ten tres xeracións: un rapaz de 18 anos, uns pais e o avó de 99. Representa a historia do país: a xeración que sufriu a guerra, a que calou e non preguntou, e os netos que hoxe preguntan. Temos unha ferida moi grande sen pechar. Que 90 anos despois aínda haxa restos nas cunetas e haxa que loitar para exhumar corpos no val de Cuelgamuros fala de que a ferida aínda supura moito. A memoria é fundamental, porque sen verdade, xustiza e reparación estamos curando en falso. Coma no libro VI da Eneida, onde as almas dos que non foron enterrados nin honrados deambulan sen que Caronte os deixe pasar ao reino dos mortos... Ese é o terreo no que estamos hoxe como país: non lles fixemos a despedida nin as honras fúnebres a aqueles que quedaron esquecidos nas cunetas. 

P. Falando das vosas traxectorias, ambos tedes un pasado moi variado antes de chegar a esta obra. Ti, María, tes moitos libros infantís, e ti, Tyto, moitas biografías de xente do mundo das artes, como Picasso, Fellini, Balthus... 

María: A min gústame escribir, e creo que cada historia precisa o seu camiño. Empecei con álbums infantís coma as historias de Moka e Candela, logo unha novela documental e un libro de relatos. Este proxecto acabou sendo un cómic porque o formato gráfico era o mellor camiño para o relato. 

Tyto: Estou afeito a ilustrar biografías de personaxes reais, como Fellini ou Picasso. Gústame indagar e investigar. Con este proxecto cubrín tamén unha espiña que tiña cravada co meu propio avó, ao que non puidera sacarlle información da guerra. 

P: ¿En que proxectos estades traballando agora mesmo? 

Tyto: Acabo de rematar un ensaio divulgativo por encargo sobre ecoloxía e os dereitos dos animais, unha temática diferente que me apetecía moito tocar. 

María: Pola miña banda, acabo de terminar un libro de relatos de ficción para adultos, e nestes momentos estou á espera da resposta dunha editorial. 

P. Xa para rematar, cal é a vosa sensación de estar aquí no Viñetas desde o Atlántico presentando a obra? 

Tyto: Moi ben. Eu xa estivera nunha edición anterior que coincidira en plena época da covid, polo cal foi un ano moi raro e con moitos espazos pechados. O de agora non ten nada que ver; o ambiente é moi agradable. 

María: Para min é a primeira vez e estou encantada. Gustoume moitísimo a exposición; os espazos están moi ben pensados e a xente é superamábel. Grazas por este anaco para a entrevista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario