Viñetas trae á explanada de Palexco o tour dos Gundam cun robot de 3 metros de altura
• A xira dos Gundam Base Rolling Pop-up inaugúrase na Coruña cunha zona de ocio vencellada ao universo destes robots da serie anime
Sonia Hermida/Xurxo Salgado/A Coruña
Viñetas desde o Atlántico será o festival no que se abra a xira española de The Gundam Base Rolling Pop-up Tour. Trátase dun espazo protagonizado por un camión tematizado coa imaxe de Gundam que, unha vez despregado, se transforma nunha área expositiva e comercial de máis de 100 metros cadrados que recrea a experiencia de Gundam Base e que estará na cidade durante a semana do festival, do 10 ao 16 de agosto.
As persoas que visiten o espazo poderán participar en actividades gratuítas, iniciarse na montaxe de Gunpla e fotografarse xunto a un espectacular robot, o RX-78-2 Gundam de tres metros de altura, o que sen dúbida será unha das grandes iconas deste espazo. A marca xaponesa Bandai acude como un expositor dentro do programa de Rúa BD e terá neste camión tamén á venda diferentes produtos da franquicia Gundam.
O mundo dos Gundam e os modelos de montaxe Gunpla converteuse nas últimas décadas nun fenómeno cultural con sobrada implantación en Xapón que traspasou fronteiras e chegou a crear comunidades de seguidores en Estados Unidos, México e varios países europeos. No seu país de orixe, estes robots protagonizan dende hai anos eventos temáticos multitudinarios.
Esta incorporación ao Viñetas ocupará a área situada diante de Palexco, sendo un novo elemento da que se consolida como zona de especial atractivo para público familiar, ao situarse xunto ás exposicións Jacobo F.S., De Archimboldo a Marcopola e Un paseo por Springfield. Os Simpsons na colección de Raúl García.
A presenza na Coruña da xira dos Gundam sitúa ao festival Viñetas desde o Atlántico nunha ruta na que estarán outros grandes eventos vencellados á banda deseñada como o Comic-Con de Málaga ou o Manga Barcelona.
Esta última incorporación á oferta de ocio do salón do cómic coruñés pon o ramo a unha programación que conta con máis de 70 autores e autoras que participan en 24 exposicións e unha ampla programación de máis de 100 propostas entre as que se contan obradoiros, charlas, clases maxistrais, podcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía -dende pequenos ata adultos- e para público especializado.
Tanto a programación oficial como a de Rúa BD poden consultarse completas na web. https://vinetasdesdeoatlantico.com/
* Que é Gundam?
A serie de anime que comezou coa emisión de MOBILE SUIT GUNDAM no ano 1979 coñécese como serie GUNDAM. É unha obra de ciencia ficción na que aparece un robot chamado GUNDAM.
A serie GUNDAM abrangue diversos universos e configuracións. Aínda que cada un ten o seu propio contexto e ambientación, algúns están estreitamente vencellados entre sí, compartindo batallas dentro das súas respectivas liñas temporais. A serie gañou grande popularidade nas últimas décadas dentro do universo da ciencia ficción. Conta tamén con unha serie de libros de banda deseñada.
* Que é Gunpla?
Son os model kits de robots e naves de combate que aparecen na serie GUNDAM.

Ningún comentario:
Publicar un comentario