26 de abr. de 2022

A GUARDA

“Coidados porta a porta” 

O alcalde e membros do Goberno municipal de A Guarda, visitaron a unidade móbil ubicada no Campo de Fínola  

Para esta visita na Guarda da unidade móbil de coidados sociosanitarios, están xa todas as citas completas


O alcalde, a tenente alcalde e a concelleira de Igualdade, nun momento da visita que efectuaron esta mañá á unidade móbil
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; a tenente de alcalde, Mª Montserrat Magallanes Álvarez; e a concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez Marcos, visitaron esta mañá a unidade móbil de coidados sociosanitarios - “Coidados porta a porta” - instalada no Campo de Fínola e que estará ata o vindeiro mércores.  

 Este programa da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, visitará os 14 municipios do sur da provincia de Pontevedra, pertencentes ás bisbarras do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta ata finais do mes de maio, estando previstas dúas visitas máis.  

 Estes servizos sociosanitarios mediante unidades móbiles están pensados para achegar a atención as zonas rurais con dispersión poboacional. Plantéxanse coma unha alternativa para evitar desprazamentos e levar achegar os servizos a cidadanía.  

 Os representantes municipais estiveron conversando cos sanitarios que prestan o servizo na unidade móbil  interesándose polas características da campaña “Coidados porta a porta”

 “Queremos saber como son os servizos e a atención que se presta na unidade móbil para poder informar correctamente a cidadanía que estes días nos pregunta por esta campaña”, declarou o alcalde.  

 As consultas ofertadas consisten en revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.  

 Para esta visita na Guarda da unidade móbil de coidados sociosanitarios, están xa todas as citas completas. 

 Máis información chamando ao número de teléfono 622 748 283 ou contactar a través do enderezo de correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario