Remata un novo curso dos obradoiros de estimulación cognitiva para persoas con Alzheimer e outras demencias
• Concello de Tomiño e AFAGA manteñen a súa aposta por un programa que favorece a autonomía, a socialización e o benestar das persoas participantes.
Foto: CT
Infogauda/Tomiño
Un novo curso chega ao seu fin nos obradoiros de estimulación cognitiva e funcional que o Concello de Tomiño desenvolve en colaboración con AFAGA Alzheimer para persoas diagnosticadas con Alzheimer e outras demencias. Ao longo destes meses, as persoas participantes acudiron dúas mañás á semana á Escola Obradoiro O Regatiño de Goián, onde realizaron diferentes actividades adaptadas ás súas capacidades e necesidades. Exercicios de memoria, atención ou orientación forman parte dun programa que busca estimular as capacidades preservadas, favorecer a autonomía durante o maior tempo posible e crear tamén un espazo de encontro e socialización.
O peche deste novo curso permite facer un balance moi positivo dunha iniciativa que botou a andar en 2024 e que se foi consolidando grazas á boa acollida das persoas usuarias e das súas familias.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “cada curso que remata confirma a importancia de achegar este tipo de recursos ás persoas e ás familias que os necesitan. Queremos que conten cun apoio próximo e continuado, cun espazo no que traballar as súas capacidades pero tamén no que sentirse acompañadas”.
O programa vai máis alá do traballo realizado durante as sesións, xa que supón tamén un apoio para as familias no proceso que acompaña unha diagnose de Alzheimer ou doutra demencia. Desde AFAGA Alzheimer incídese especialmente na importancia de comezar canto antes coa estimulación das capacidades que a persoa conserva, contribuíndo así a prolongar a súa autonomía e calidade de vida.
Pola súa banda, o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, destacou “o valor de contar en Tomiño cun recurso estable e especializado, que permite atender as persoas participantes desde a proximidade e, ao mesmo tempo, ofrecer apoio e acompañamento ás súas familias”.
Co remate deste novo curso, Concello e AFAGA poñen en valor o camiño percorrido e a consolidación dun programa que se converte nun espazo de actividade, convivencia e acompañamento para persoas con Alzheimer e outras demencias e para as súas familias.

Ningún comentario:
Publicar un comentario