24 de abr. de 2022

A GUARDA

"A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos na Guarda (Pontevedra)"

O libro foi presentado na Casa do Concello de A Guarda




As imaxes corresponden ao acto de presentación do libro  "A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos na Guarda (Pontevedra)"
Fotos: F.B.



Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A memoria, é, como sabemos, unha facultade, que con maior ou menor exactitude, permítenos lembrar feitos pretéritos. 

 As veces, grazas a participación do común, a memoria logra - mesmo a pesares de moitas circunstancias adversas - permanecer no tempo, pasando de ser memoria individual e ser memoria colectiva ou compartida. 

 Con todo, a memoria require ser - oportuna e metódicamente -, analizada, documentada, investigada e divulgada. Sobre todo cando se trata de memoria histórica. Porén, nese ámbito, é preciso realizar un labor multidisciplinar, para rexistrar de xeito riguroso, os acontecementos, os contextos, as fontes documentais, os lugares, os protagonistas, ás víctimas - directas e consanguíneas -, as consecuencias e os testigos dos feitos, entre outras liñas de traballo necesario, entre elas a medicina forense.

 E a partires de aí, asumir como sociedade democrática, os obxectivos básicos (verdade, reparación e xustiza), cada un na medida da súa responsabilidade individual e/ou colectiva. 

 Nese senso, o Estado español conta coa correspondente normativa (Lei 52/2007, do 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e establécense medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, publicada no Boletín Oficial do Estado (B.O.E.) nº 310, de 27 de decembro de 2007; Real Decreto 373/2020, do 18 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica básica do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática (B.O.E. nº 43 de 19 de febreiro de 2020)Anteproxecto de Lei de Memoria Democrática. Actualmente en tramitación; Real decreto 1791/2008 sobre a Declaración de Reparación e Recoñecemento persoal a quen padeceu persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a Ditadura (B.O.E. nº 277, de 17 de novembro de 2008); entre outras, en materia de reparación e recoñecemento persoal; nacionalidade; acceso aos libros de defunciós; retirada de simboloxías franquistas; restitución de documentos incautados; pensións e indemnizacións; arquivos; exhumacións; e homenaxe ás víctimas.

 Asemade, algunhas Comunidades Autónomas tamén dispoñen de normativa aplicable. En Galicia non nos consta, polo de agora, nada ao respecto. 

 Facemos ese preámbulo para salientar que desde diversas asociacions de recuperación da Memoria Histórica, grazas ao traballo ímprobo de algúns investigadores, e a colaboración de varios colectivos e asociacións culturais, á cidadanía está tendo oportunidade de acceder á información de feitos que tinguiron de loito toda á xeografía española e que ao longo de moitas décadas semellaba que tratábase dun tema que había que pasar páxina. Dese xeito, había e hai, quen afirma que iso hai que esquecelo. 

 “Quién olvida su historia esta condenado a repetirla”. A frase, escrita polo poeta e filósofo español George Santayana dá a benvida aos visitantes do bloque nº 4 do campo de Auschwitz I. Lugar, onde como é sabido, levouse a cabo os atentados máis deplorables contra a humanidade.

 En todo caso, á realidade é terca, e a afluencia de persoas aos diferentes eventos que abordan temas encadrados na Memoria Histórica están rexistrando uns enormes éxitos de afluencia de público. Iso quer decir, que á cidadanía quer coñecer para non esquecer.

 Proba diso témola na presentación, o pasado día 13 de abril, no Centro Goiánes, de Goián (Tomiño), do libro "O terror nas Tebras e outras catas na Memoria" (Edicións Laiovento, 2022), de Carlos Méixome Quinteiro, acto organizado pola Comisión pola Memoria Histórica Baixo Miño - Louriña, que contou cunha importante afluencia de público da contorna miñota.

 Do mesmo xeito, o pasado venres día 22 de abril, na Casa do Concello de A Guarda, tivo lugar a presentación do libro "A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos na Guarda (Pontevedra)" (Editado pola Fundación 10 de marzo, do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, na Colección Testemuños), de José Antonio Uris Guisantes e Víctor Manuel Santidrián Arias.

 O acto contou coa participación do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; o presidente da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do campo de concentración de Camposancos e a Fosa Común de Sestás, José Manuel Domínguez Freitas; os autores do libro, e unha ampla representación da veciñanza da vila de A Guarda e pobos veciños que completou o aforo do salón de plenos e a maior parte do vestíbulo da Casa dos Alonso.

 Os autores do libro "A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos na Guarda (Pontevedra)", refiren: "(...) Probablemente, as explicacións sobre a persistencia do pasado son moitas e variadas, sobre todo cando se trata dun pasado incómodo, traumático, un pasado no que existen vítimas e vitimarios. É o caso da Guerra Civil, do franquismo e dunha das súas expresións: os campos de concentración, entre eles o de Camposancos. 

 A investigación sobre o universo concentracionario franquista avanzou enormemente nos últimos anos. Sen ánimo de sermos exhaustivos, cremos necesario recoller aquí algúns títulos dos que os autores somos debedores no apartado primeiro desta publicación. Lonxe quedan xa traballos como os de Pascual ou os nados da pluma de xornalistas como Lafuente (Pascual, 2002; Lafuente, 2002). Un chanzo importante na bibliografía sobre os campos de concentración franquistas foi a celebración na Barcelona de outubro de 2002 do Congreso Internacional sobre los Campos de Concentración y el Mundo Penitenciario en España durante la Guerra Civil y el Franquismo (Tébar, 2003; Molinero, Sala y Sobrequés (eds.), 2003; Sobrequés, Molinero y Sala [eds.], 2003). Nas súas páxinas atopamos a sinatura de quen consideramos autor dun estudo académico de referencia: Javier Rodrigo (2005). Cómpre tamén ter en conta un magnífico traballo, moito máis recente, de Carlos Hernández de Miguel (2019). A Carlos Hernández agradecémoslle o feito de compartir connosco documentación do Arquivo Militar de Ávila, institución que visitamos menos do desexable polas limitacións de mobilidade que nos impuxeron os tempos da pandemia. Cando por fin puidemos facelo, fomos atendidos con absoluta profesionalidade; de feito, nestas páxinas reproducimos algúns documentos enviados pola devandita institución. O estudo dos centros franquistas onde foron recluídos presas e presos republicanos en Galicia ten tamén xa algunhas publicacións na súa listaxe. Aínda que non todos eses centros se consideren tecnicamente campos de concentración, coñecemos o que pasou en Celanova (Celanova. Prisión…: 2003; Rodríguez Teijeiro, 1999, 2010), Cedeira e Ferrol (Suárez, s/d, 2002, 2003), illa de San Simón (Caeiro, González e Saá, 1995), Lavacolla (Santidrián, 2004), Muros, Padrón, A Pobra e Rianxo (Comoxo, Costa e Santos, 2003; Santos e Costa, 2015). A prensa tamén recolle de cando en vez noticias sobre os campos de concentración franquistas (Alonso, 2012; Lamas, 2019; Sánchez, 2021; Suevos, 2017; Torres, 2006; etc.). O mundo concentracionario franquista en Galicia é o tema fundamental do apartado segundo deste libro. 

 E Camposancos? A este campo de concentración dedícaselle o apartado terceiro. Esta publicación recolle nas súas páxinas o investigado sobre este campo. Unha das características do coñecemento da represión en Camposancos e, por extensión, na Guarda, é que naceu da man de xentes da vila. En primeiro lugar, Juan Noya, que sufriu en carne propia o que significaba a xustiza franquista e que nos deixou testemuño no seu libro Fuxidos. No seu labor acompañárono outras persoas cando aínda non se falaba de «memoria histórica», alá polas décadas dos setenta e principios dos oitenta do século pasado. Co paso dos anos, unha desas persoas, coautor destas páxinas, empezou a publicar escritos para dar a coñecer as súas pescudas nos arquivos municipais (Uris: republicanosminhotos…). Unha obra que segue sendo fundamental, a pesar dos anos transcorridos dende a súa publicación, é La libertad es un bien muy preciado, de Laureano Laruelo (1999). 

 Estas páxinas son tamén debedoras do documental Memorial de Camposancos, de José Ballesta e Miguel Anxo Fernández (2008). Ballesta é ademais autor, con Rodríguez Gallardo, dun interesante artigo sobre os graffitis dos presos (Ballesta e Rodríguez, 2008). 

 A base de datos do proxecto interuniversitario «Nomes e Voces» permite acceder a datos biográficos de moitas vítimas.

 Sen dúbida, unha das características que diferencian Camposancos doutros campos de concentración franquistas, e non soamente galegos, é que albergou un tribunal militar. Loxicamente, incluímos unhas páxinas sobre esta institución. Como acabamos de dicir, o libro Fuxidos, de Juan Noya, é clave para saber que pasou na Guarda logo do golpe de Estado de xullo de 1936. Teimou contra o esquecemento nunha viaxe na que o acompañaron persoas como Manuel Domínguez, (Taxota), e tantas outras que dignificaron o lugar onde xacen os restos das persoas asasinadas, centro de homenaxes ata os nosos días. Neste labor é recoñecible o pulo inicial das xubiladas e dos xubilados das CCOO de Vigo. 

 Iria Morgade (2018) dá conta destas iniciativas, polo que é fundamental no apartado 4 sobre a Memoria de Camposancos. Dalgún xeito, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e da Fosa Común de Sestás, recentemente constituída, é herdeira dese pasado de activismo pola memoria. Sobre ese activismo guardés trata o cuarto apartado (...)". 

 "(...) Quizais as autoridades galegas e españolas cheguen a recoñecer nalgún momento o que pasou en Camposancos, dentro é fóra dos muros daquel campo de concentración instalado no antigo colexio xesuíta Apóstol Santiago. Agardamos que o texto que aquí se presenta, que quere seguir o rastro que empezou a marcar a cidadanía nos xa afastados anos setenta do século pasado, sirva para recuperar a historia e a memoria do campo de concentración de Camposancos (...)". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario